Adxudicados os últimos traballos na residencia de Pol

O Executivo da Deputación aprobou este luns na Xunta de Goberno a adxudicación das obras de adaptación da cociña e o pavimento exterior da residencia de Pol, por un total de 53.350 euros. Así o avanzou o Presidente, Darío Campos Conde, quen subliñou que este orzamento supón unha baixa de 10.000 euros con respecto ao orzamento de licitación. As obras comezarán a vindeira semana e terán un prazo máximo de execución dun mes.

Campos Conde subliñou que “estamos a realizar os últimos trámites para a apertura deste centro, situado no núcleo de Mosteiro, no que se ofertarán un total de 36 prazas de residencia e 18 prazas para o centro de día. O noso modelo de xestión contempla que a comida sexa preparada no propio centro, non estando a cociña actual adaptada para este réxime de funcionamento. Por iso, é necesario realizar obras de adaptación na cociña existente, dotándoa do equipamento e instalacións necesarias para poder ofertar este servizo”.

Obras de adaptación da cociña
Os traballos de adaptación da cociña contemplan: a instalación dunha cociña de gas, forno de convección, módulos neutros, freidora, fry top, e mesa central de empratado quente. Ademais, dotarase a cociña dun sistema de extracción, campá mural, sistema de extinción de incendios e cámara de conxelación, así como dunha cheminea de evacuación de fumes. Tamén se levará a cabo a adaptación da instalación eléctrica, a execución dun tabique sobre a cámara frigorífica existente, e a instalación de gas desde a sala de caldeiras ata a cociña.

Substitución do pavimento exterior
As obras tamén contemplan o cambio do pavimento da beirarrúa perimetral, pois resulta moi esvaradizo. Deste xeito, será substituído por un pavimento de formigón impreso, antideslizante, que facilite o paso dos usuarios polo exterior da edificación. Finalmente, levarase a cabo a colocación de sinais de indicación de medios contra incendios, e percorridos de evacuación.

O Executivo Provincial aprobou tamén realizar 9 novas actuacións en 6 concellos da provincia con cargo aos remanentes do Plan Único 2018. Trátase de peticións feitas desde os propios Concellos de Castro de Rei, Cervantes, Cervo, Chantada, Rábade e Sober para mellorar vías, accesos ou instalacións deportivas.

As obras en Castro de Rei consistirán na mellora de viarios nos núcleos de Vales, en Loentia; e Acea, na parroquia de Bendia, contarán que cun orzamento de 22.000 euros; e na instalación dun colector no saneamento en Castro Riberas de Lea, con 34.500 euros.

No Concello de Cervantes acometeranse melloras nos accesos nas parroquias de Cela e Degrada, unhas obras dotadas con 11.500 euros; mentres que Cervo tamén mellorará os accesos aos veciños da urbanización Rio Cobo, cun orzamento de 16.800 euros e as inmediacións da Igrexa e o Cemiterio parroquial de Cervo, con 21.000 euros.

Pola súa parte, Chantada poderá dotar a pista de Padel dunha cuberta, o que suporá unha inversión de preto de 42.000 euros, mentres que o Concello de Rábade continuará coa mellora da Rúa Rosalía de Castro, comezando a terceira fase desta obra grazas aos 34.000 euros destinados a esta fin. En Sober destinaranse 26.400 euros ao abastecemento de auga do núcleo de Campo Rairo.

Etiquetas