O BNG de Outeiro denuncia un mal funcionamento da depuradora

Nos últimos tempos estase a converter como algo habitual o vertido de augas residuais sen depurar ao río Míño, sendo normal pasar pola zona da Santa Isabel, onde está situada esta depuradora, e ver como caen ao río estas augas sen ningún tipo de tratamento.

Segundo os técnicos que coñecen tanto esta depuradora como a rede de saneamento do concello, esta situación débese a que a estación quedouse completamente pequena e obsoleta para o volume de augas residuais que tería que depurar, o que obriga a ter activado o “bypass” para que as augas que non pode tratar a depuradora por falta de capacidade pasen directamente ao río.

“Non é de recibo que agora o alcalde lle bote a culpa á empresa concesionaria, pois esta situación non é nova, xa que se leva producindo dende hai xa moitos meses e sendo totalmente coñecedor da situación” informou o concelleiro do BNG.

“O saneamento estase a converter nun servizo básico e totalmente imprescindible en moitas zonas do concello o que fai inevitable que o volume de augas residuais siga en aumento. Se no se lle pon remedio, o problema dos vertidos incontrolados será cada vez máis importante”, aseguraron dende o BNG

Moción do BNG

O BNG xa ten presentado neste mandato varias iniciativas ao respecto, tanto para levar o saneamento aos núcleos rurais como para adaptar o sistema de depuración de augas residuais á situación actual.

Aínda así, para este pleno do mes de abril lévase unha nova iniciativa para que o concello proceda a adaptar a depuradora á situación real de volume de augas residuais que ten que tratar.

“Somos conscientes que o custe de reformar isto é bastante elevado, por iso solicitamos que participen no proxecto as demais administración e que o concello priorice este asunto nas subvención e axudas que solicita ás demais administracións”, rematou o voceiro do BNG Xosé Ferreiro.

Etiquetas