O PP de Muras dá a coñecer a súa candidatura completa

O Partido Popular de Muras de vén de completar a candidatura coa que concorrerá ás eleccións municipais do vindeiro 26 de maio con Eugenia Requeijo como cabeza de lista.

A popular avanzou que Alberto Díaz e Jesús Trastoy ocuparán os número 2 e 3, respectivamente, da lista popular aos comicios municipais de Muras. Tamén forman parte da candidatura coa que o PP pretende recuperar a alcaldía do municipio Luis Carballido, Sandra Trastoy, Fernando Carballido e Jaime Lázaro.

Eugenia Requeijo asegura que os frecuentes ataques do lobo ás cabezas de gando bovino e equino no municipio preocupan aos veciños e veciñas que teñen como principal sustento a actividade gandeira. A popular asegura que “o lobo causa importantes perdas” e, polo tanto, avanza que dende o Goberno local os populares estudarán a forma de establecer axudas en función da especie que sufriu o dano e como suplemento ás que xa concede o Goberno da Xunta ante as solicitudes de compensación.

Entre as medidas que recollerá o programa co que os populares concorren ás eleccións municipais atópanse outras de calado para os veciños e veciñas como aquela que pretende favorecer a concentración privada de fincas entre os propietarios.

A maiores os populares avanzan que axudarán a aquelas empresas, autónomos ou emprendedores que se queiran asentar en Muras. Concretamente, a candidata asegura que “facilitaremos a apertura dunha Casa do Maior, que apoia a Xunta, e que permitiría ás familias contar cun servizo de atención diúrna aos nosos maiores”.

Outra das actuacións que consideran prioritaria é a implantación da traída de auga para a parroquia de A Balsa e a mellora e ampliación das traídas de Irixoa e Carelle. Así mesmo, o Goberno local ocuparase do arranxo de camiños públicos e estradas, ante o mal estado que presentan moitos deles.

Son, segundo destaca a candidata, as principais liñas estratéxicas do seu programa que buscan, precisa, “atender aquelas necesidades máis urxentes e prioritarias do noso Concello”, así como asentar poboación tendo en conta as necesidades dos máis desfavorecidos.

Candidatura: Mª Eugenia Requeijo Chao, Alberto Díaz Díaz, Jesús Trastoy Camba, Luis Carballido Orosa, Sandra Trastoy Chao, Fernando Carballido Amor, Jaime Lázaro Vidal.

Suplentes: Elías García Rubiños, Juan Antonio Tojeiro Pita

Etiquetas