Skip to main content
ActualidadeVilalba

Tradescola ofreceu dous concertos en Vilalba

Por 24 Abril, 2019Sin comentarios

A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteiros Galegos na cidade de Lugo, achegouse ata Vilalba, concretamente ao CEIP Ínsua Bermúdez, para impartir unha nova xornada de música tradicional consistente en dous concertos didácticos, primeiro pase para alumnos de infantil e 1º e 2º de primaria e segundo pase para 3º,4º,5º e 6º cursos de primaria). Con estas xornadas, que contan coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo, a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar a nosa música e a cultura tradicional, dun xeito ameno e didáctico a través dos concertos impartidos nos distintos centros de toda a provincia.

Nestos concertos, que estarán impartidos polos mestres da Tradescola Paula Fernández, Carme López e Bruno Villamor amósaselles aos alumnos distintos instrumentos, ritmos, e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega.

Un dos obxectivos da Tradescola é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego nos distintos ámbitos da sociedade, e a través de actividades como esta, “pretendemos non só difundir a cultura tradicional, senón que ademais queremos amosar esta riqueza cultural dunha maneira aberta, chea de contidos e na que todas e todos os escolares poden participar de xeito activo con preguntas e aportacións, contribuíndo e potenciando deste xeito a divulgación da cultura e a súa conservación”.

A Tradescola realiza asiduamente numerosos actos como charlas, presentacións, concertos, ou xornadas que achegan a numeroso público a coñecer de preto o traballo que está a realizar esta escola, ofrecendo formación a todas as persoas interesadas na música e no baile tradicional tanto na cidade de Lugo, onde imparte aulas diariamente na rúa Pintor Corredoira nº 4, como no resto de comarcas da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co ensino da música e baile tradicionais.