Vilalba Aberta creará un fondo de compensación municipal coma reforzo ás axudas da Xunta por danos de lobo e xabaril

Logo da presentación do seu Programa Económico ao completo, Vilalba Aberta vén de facer pública a primeira das medidas que darán forma ao seu “Programa Electoral das Parroquias.
A proposta, relativa á creación dun fondo de compensación municipal complementario ás axudas da Xunta por danos de lobo e xabaril nos cultivos e no gando, chega, logo dun traballo continuado da formación, ao longo da lexislatura que remata, en defensa dos veciños afectados por ataques de lobo, así coma diante doutra das problemáticas máis estendidas nas parroquias, isto é: a derivada da explosión demográfica do xabaril.
“Tanto a liña de axudas por danos como a liña destinada á prevención, están a provocar un importante estado de indignación entre os gandeiros e agricultores das parroquias.”
A este respecto e “en base ao insuficiente o límite de 1.650 euros de indemnización máxima e ás cortinas de fume da Xunta para non valorar con seriedade os danos, incluíndo o lucro cesante“; Vilalba Aberta propón a delimitación dun fondo municipal de reserva que percibirá, con carácter anual, o 0,3 euros do total Orzamentario (arredor de 36.000 euros)
Na mesma liña, e tal e como se especifica no programa da formación, a percepción dunha axuda procedente do fondo municipal, estará vencellada á percepción dunha orde de axuda da Xunta e a cantidade de indemnización representará, no primeiro ano de funcionamento, o 50% do delimitado no baremo para o pagamento preestablecido pola Xunta.
Así, e tal e como explicou Modesto Renda, “se un gandeiro percibe unha compensación de 658 euros por un becerro de raza rubia galega ou 73 euros por un cabrito de entre 6 e 12 meses, o fondo de compensación municipal reforzará as indemnizacións con 329 euros máis polo becerro e 36,5 euros máis polo cabrito.

“A inmediata incorporación do Concello de Vilalba á fronte común de alcaldes dos concellos afectados, co fin de esixir da Xunta que asuma a responsabilidade civil subsidiaria dos danos causados pola fauna salvaxe, cubrindo o 100% dos mesmos e o lucro cesante provocado, será outra das nosas primeiras actuacións municipais”. Aseverou Modesto Renda.
“Dende Vilalba Aberta non podemos comprender como na última lexislatura o Alcalde non fixera absolutamente nada, a pesares de ser perfectamente coñecedor da situación e de compartir militancia política cos responsables da Consellería. Pero especialmente incomprensible resultou que, o rexedor, non estivera presente na xuntanza dos Alcaldes de Xermade, Muras, Ourol, O Valadouro e Abadín e que se concretou nunha proposta en firme diante da devandita administración competente.”
Na mesma liña, e ademais de demandar da Xunta de Galicia que asuma a responsabilidade civil subsidiaria dos danos causados pola fauna salvaxe (Un posicionamento, defendido, ademais de polos produtores, por unha boa parte do sindicalismo agrario galego e referenciado neste caso pola recente denuncia do SLG á Valedora do Pobo), Vilalba Aberta vinculará a presenza do Concello de Vilalba na fronte común de Alcaldes á necesidade de “presionar” e “demandar”, tamén, da Xunta de Galicia “a reelaboración das ordes tanto de prevención como de axudas aos danos provocados por ataques de lobo e xabaril”
A este respecto, fan referencia á necesidade de retirar a inclusión de requisitos tales coma a obriga de comunicar os ataques nun prazo máximo de 72 horas; á problemática engadida para os gandeiros/as que supón a actual pésima asistencia telefónica, así coma o feito de de ter que dar unha interminable listaxe de datos e ter que volver repetilos cada vez que se produce un novo incidente na mesma finca ou explotación; á necesidade de incluír as explotacións de horta profesionais e que non están cubertas porque as ordes inclúen como requisito que reciban axudas da PAC e este tipo de actividade queda excluída deses fondos; e ao fin á arbitrariedade dos cultivos que poden ser indemnizados.

Etiquetas