Cospeito organiza unha carreira popular con fins solidarios

O Concello de Cospeito celebrará o día 5 de maio unha carreira popular que leva o nome de Concello de Cospeito e que terá un fin solidario xa que o recadado irá para a Asociación Española Contra o Cancro.

A I Carreira Popular de Cospeito está organizada polo Concello coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, de la Xunta de Galicia e de varios patrocinadores, como a SD Muimenta, CF Cospeito, BTT Lagoa de Cospeito, Game Sport, Panadería Rozas, Facenda Farruquiño, Autocares Darriba e Autocares Suso Vigo.

O prazo de inscricións xa está aberto e os interesados poden anotarse nesta cita en www.carreirasgalegas.com ata o día 2. Haberá unha proba absoluta, cuxo circuíto de 14 quilómetros arrincará ás 11.00 horas de Muimenta e levará aos participantes ata a capitalidade municipal de Feira do Monte, onde se instalará a meta.

Os máis pequenos completarán diferentes percorridos desde a Lagoa de Cospeito e ata a casa consistorial, a partir das 12.30 horas.

Para achegar aos máis novos do municipio a este deporte e animalos a participar na proba, o Concello programou charlas polos centros educativos cun preparador Nacional de atletismo.

Etiquetas