Skip to main content
ActualidadeMuras

Mario Rouco encabezará a candidatura do PSOE de Muras

Por 26 Abril, 2019Sin comentarios

A Agrupación socialista de Muras aprobou por aclamación a candidatura do actual voceiro municipal, Mario Rouco, para encabezar a lista do PSOE para as próximas eleccións municipais. Este Enxeñeiro Agrónomo, veciño da parroquia de Muras, leva 4 anos no Goberno Municipal e é o 2º Tenente Alcalde da corporación.

Mario Rouco agradeceu a confianza dos seus compañeiros e destacou que “é unha gran responsabilidade e un orgullo poder liderar o proxecto dos socialistas en Muras. Somos un grupo de persoas con moita experiencia na xestión municipal, que representará aos diferentes sectores do Concello, e co que sairemos a gañar a alcaldía”. O voceiro do PSOE en Muras avanzou que haberá caras novas na lista, “que incorporarán novas ideas, máis pluralidade e renovación, recollendo as diferentes sensibilidades do municipio”.

“Dende o Partido Socialista queremos desenvolver diferentes iniciativas sumamente progresistas e de transformación para o noso Concello. Dentro da nosa folla de ruta, seguiremos o labor deste mandato que é estar ao pé da rúa, ao carón dos veciños, escoitando as súas demandas e solucionando os seus problemas. Queremos aproveitar as oportunidades que nos ofrece o territorio para dinamizar a economía e o turismo, creando máis postos de traballo. Un dos compromisos do PSOE é o rural, debemos contar coas mellores prestacións públicas para fixar poboación e ofrecer unha atención profesional aos nosos maiores.”, subliñou Rouco.