O Mupav adianta a conmemoración do Día dos Museo para o 17 de maio

O MUPAV e a Asociación de Amigos do Museo adiantan a conmemoración do Día Internacional dos Museos para facelo coincidir co Día das Letras Galegas, festivo en Galicia.

Como en anos anteriores invitamos a colaborar neste evento a unha asociación da nosa contorna para estreitar lazos coa nosa comunidade, nesta ocasión o MUPAV sae de novo ao campo para achegarse á Asociación Escola Vella de Bordelle. Cos seus membros e con todo o público que o desexe acompañar percorrerán unha ruta polos distintos elementos de interese cultural e natural desta área da parroquia de Santaballa.

Asistirán a unha microconferencia sobre os tempos nos que foi habitado o acubillo de Pena Grande, e participarán en distintas recreacións históricas, desenroladas por Boquique, centradas no tecido prehistórico.

As actividades serán en Lugarvello, Bordelle, Santaballa, e comezarán ás 10:30 cunha andaina titulada Ruta de Bordelle. Ás 13:00 será a quenda da lembranza a Antón Fraguas que estará a cargo da Asociación Escola Vella de Bordelle.

Xa pola tarde ás 17:00 haberá unha microconferencia Pena Grande e o seu tempo, por Emilio Ramil, e ás 17:30 será a recreación de tecidos prehistóricos a cargo de Boquique.

Etiquetas