Luis Fernández encabeza a candidatura do BNG de Riotorto

Luis Fernández encabeza a lista do BNG de Riotorto para as eleccións municipais do vindeiro 26 de maio. Traballador do servizo de mantemento do Hospital da Mariña, conta cunha gandería de razas autóctonas en réxime ecolóxico.

Nado na Casanova (Órrea) e residente en Chacín (Santa Marta de Meilán), incorpórase á política municipal co aval dunha participación activa na vida cultural do concello como membro da Asociación de Veciñas e Veciñas de Órrea e do club Arcasco-Carballal, que impulsa a recuperación dos bolos celtas.

“Decidín formar parte desta candidatura porque me gusta participar activamente na vida do Concello de Riotorto, traballando pola posta en valor do medio rural e a busca de alternativas para un asentamento da mocidade e do benestar social”, expuxo o candidato á alcaldía pola formación nacionalista.

Fernández impulsará un programa centrado en apoiar o potencial produtivo da agricultura e da gandeiría como proxecto de futuro para un municipio cunha poboación  envellecida – 4 de cada 10 riotortenses son maiores de 65 anos- e cunhas rendas baixas altamente dependentes das pensións.

Con Luis Fernández , o BNG aspira tamén a “recuperar a axenda social” para o concello, despois de catro anos nos que o goberno do Partido Popular  “transladou á veciñanza a factura da crise en forma de subidas nas taxas do lixo e impostos como o IBI”.

Os nacionalistas lembran que o Partido Popular eliminou a gratuidade do Servizo de Axuda a Domicilio, que se mantivo sen custe adicional para a veciñanza durante o goberno nacionalista, “nos peores anos da crise”.

Fronte a ese modelo, o actual goberno “segue con políticas de parcheo nos camiños dos pobos, con obras feitas a correr sen consultar coa veciñanza, sen consenso e sen estudos dos factores que inflúen na súa viabilidade e bo trazado, co deterioro da contorna e o gasto que iso supón”, critica Fernández.

Etiquetas