A Deputación abriu o prazo para solicitar as axudas para a recuperación de terras abandonadas

Abriuse o prazo para a solicitude de axudas de concorrencia competitiva para a recuperación de terras abandonadas, nas que o Executivo Provincial inviste 100.000 euros. Trátase dunha nova edición do Plan de Recuperación de Terras Abandonadas, do que xa se beneficiaron 220 lucenses que puxeron en produción 1.200 hectáreas. Os interesados poderán solicitalas ata o día 7 de xuño. A convocatoria e toda a información atópase na páxina web www.deputacionlugo.com.

Poderán solicitar estas axudas gandeiros, agricultores, agrupacións de produtores, SATs e veciños que sexan titulares de explotacións, que dispoñan dun mínimo dunha hectárea de superficie. A subvención por hectárea é de 500 euros e cada beneficiario poderá recibir un máximo de 9.000 euros.

O Executivo Provincial foi a primeira administración galega e apostar por unha medida similar. Nos dous anos que estas axudas estiveron en funcionamento, 2014 e 2015, o Goberno Provincial investiu máis de 560.000 euros que serviron para que 178 agricultores lucenses recuperasen 1.200 hectáreas de terreos baldíos na provincia. Reedítanse de novo, estas axudas, tendo en conta o seu éxito, pois os veciños beneficiados conseguiron reducir custos de produción e ampliar a súa cabana tras acadar máis espazo para o pastoreo ao recuperar territorio que estaba baldío.

 

Etiquetas