Xa hai gañadores da IIIª edición do Concurso de videopoemas da Casa Museo Manuel María

Raquel Álvarez Prieto co videopoema Mais ao que ben quixo un día… e Nehuen Márquez e Álvaro Pan co videopoema Un pesadelo ao que chamaban vida veñen de seren os gañadores da III edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María que organiza a Casa-Museo Manuel María.

O xurado do certame, composto polo realizador Omar Rabuñal Varela, o profesor e guionista, Eduardo Álvarez González, e a profesora e guionista, Anxa G. Refoxo, salientou do videopoema “Mais ao que ben quixo un día…” o enorme traballo que supón facer un stop motion, dando como froito unha curta onde se harmonizan o bo ritmo intrínseco e a bela plasticidade no movemento das súas figuras. Canto ao outro gañador, o videopoema “Un pesadelo ao que chamaban vida”, o xurado xustifica o premio por reflectir de maneira artística a linguaxe audiovisual, cunha boa posta en escena, e moi boa interpretación de actrices e actores, conseguindo darlle forma a esas experiencias (de acoso escolar) que terminan na destrución da persoa.

O xurado tamén outorgou unha mención de honra ao videopoema realizado por Alba Rocha e Micaela López, “Xa nin rencor, nin desprezo”. Deste traballo, o xurado salientou o ritmo da montaxe, os seus efectos de postprodución e a máis que meritoria coreografía das actrices.

Este concurso ten por finalidade potenciar a creatividade artística a través da harmonía entre palabra e imaxe e difundir a obra de Rosalía e Manuel María. Nesta terceira edición que se cerrou no día de hoxe participaron un centenar de alumnas/os de distintas localidades galegas (Rianxo, Monforte, Lugo, Guitiriz, A Coruña, Fene, Narón, Portas, Mesía e Ribadumia)

Etiquetas