Conferencia sobre urbanismo e patrimonio en Vilalba

O vindeiro xoves, 16 de maio de 2019, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza a conferencia sobre urbanismo e patrimonio a cargo do arquitecto Carlos Henrique Fernández Coto, que será presentado por Carlos Xosé Currás Pico.

O arquitecto de Rianxo Carlos Henrique Fernández Coto foi un dos distinguidos no ano 2018 cunha das medallas de ouro europea ao mérito no traballo, outorgada pola Asociación Europea de Economía e Competitividade. Ese ano foron 40 as distincións concedidas. Con este galardón, a entidade que as outorga pretende recompensar, celebrar e recoñecer o éxito de empresas e profesionais cunha traxectoria exemplar a nivel nacional e europeo, con prácticas e iniciativas que apoian o espírito e a conciencia empresarial. Carlos Henrique Fernández Coto, cuxa traxectoria comezou en 1988, dixo mostrarse sorprendido cando recibiu a chamada na que se lle comunicaba que figuraba entre os elixidos. Asegura que descoñece que aspectos tiveron máis peso no seu recoñecemento, se a súa ampla traxectoria, o traballo que desenvolve na empresa Alforo, que fai traballos de enxeñería, arquitectura e valoración de bens, ou a súa preocupación co patrimonio. Esta última levoulle a ser un dos impulsores da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego, da que é presidente.”

Etiquetas