Skip to main content
ActualidadeXermade

Mostra de zoqueiros en Roupar coincidindo coa celebración das Letras Galegas

Por 16 Maio, 2019Sin comentarios
Este xoves 16 de maio ás 17:00h inaugúrase unha exposición Cos pés na terra, sobre o antigo oficio dos zoqueiros na Escola Habaneira de Roupar.

A exposición estará aberta ata o domingo 19.

O horario para visitala será o xoves de 5 a 8 da tarde e venres, sábado e domingo de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00h.

A entrada a exposición é de balde e conta coa colaboración da Deputación, Concello de Xermade e a Asociación de Veciños de Roupar.

Esta colección é unha homenaxe a todos e cada un dos artesáns da provincia que co seu traballo fixeron que este oficio perdure no tempo. Esta exposición anteriormente estivo en Lugo, despois na Pontenova e agora pódese desfrutar dela en Xermade. Nesta mostra coñecerase aos zoqueiros e galocheiros veteranos a través dos retratos realizados por Jose M. Salgado.

A exposición, recolle pezas e ferramentas de 24 artesáns dos Concellos de Alfoz, A Fonsagrada, Pastoriza, Cervantes, Cospeito, Castro de Rei, Guitiriz, Navia de Suarna, Valadouro e Vilalba. Para esta terceira exhibición, sumáronse dous novos zoqueiros orixinarios do Concello de Xermade, aportando unha nova tipoloxía de zoco, a zoca de caluga, descoñecida noutras zonas da provincia.

O investigador Jose M. Salgado, realizou un traballo para coñecer de primeira man o legado dos zoqueiros na nosa provincia. A súa orixe é escura, as zocas máis antigas conservadas ata agora datan no século XIII, e aparecen en Amsterdan e Rotterdam. En Galicia houbo variantes comarcais debido os estilos de vida dalgúns artesáns. A provincia de Lugo, foi a terra de zoqueiros por excelencia. Seguramente debido á existencia de comarcas proclives aos chans permanentes húmidos e a abundancia de bidueiros, a árbore de onde se obtiña a materia prima, como é o caso da Terra Chá.