O PP de Rábade propón o crecemento da escola de música

A candidata do Partido Popular á Alcaldía de Rábade, Remedios González, lidera e promove a creación da que aspira a converterse na primeira Escola de Música en rede da provincia de Lugo.

Con este proxecto a futura escola contará con tres sedes –todas elas con instalacións propias- nos municipios de Outeiro de Rei, Rábade e Begonte e en colaboración coa asociación Músico Crisanto.

A alcaldable popular deu conta deste proxecto no transcurso dunha xuntanza na que participaron os alcaldes populares de Outeiro de Rei e Begonte, José Pardo e José Ulla, o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, e Armando Morales e Pablo Rábade, en representación das escolas de música e do colectivo Músico Cristanto respectivamente.

A candidata popular explicou que existe un acordo conxunto entre todas as partes para impulsar este proxecto que supón avanzar na colaboración que xa existe hoxe pero incorporando importantes melloras, tanto no financiamento como no desenvolvemento de actividades.

Así por exemplo, Rábade contaría cunhas instalacións propias e exclusivas para a Escola, superando así os problemas aos que hoxe se enfronta o profesorado e alumnado para realizar os seus ensaios.

Outeiro de Rei e Begonte tamén poderían mellorar as súas instalacións, malia que estes concellos xa dispoñen de espazos para uso exclusivo. No caso de Outeiro de Rei a escola de Robra e, no correspondente ao concello de Begonte o centro sociocultural da localidade.

Compromiso de financiación
Remedios González explicou tamén que este proxecto conta co compromiso do Goberno galego que, a través da Consellería de Cultura, estaría disposto a realizar unha achega de 360.000 euros para os vindeiros dous anos 2020-2021, isto é, unha axuda de 120.000 euros por cada concello participante. O apoio formalizarase a través dun convenio de colaboración entre todas as partes.

No día de hoxe estos tres municipios e a asociación xa participan no proxecto de Escolas Mancomunadas de Música de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei, proxecto que agora se ve reforzado con esta nova fórmula.

As Escolas de Música destes tres municipios contan con más de 265 persoas inscritas, entre nenos e adultos, e inclúen actividades de todo tipo, desde a formación musical en sentido estrito, ata coros, banda de gaitas, unha big band e un grupo de música tradicional.

Etiquetas