Bouso propón novas oportunidades para A Pastoriza

Faremos da Pastoriza un concello de progreso, no que as novas oportunidades atraian á xente”. Así comezou a súa intervención o candidato á alcaldía deste municipio, José Bouso, quen tamén tivo palabras de agradecemento para o seu predecesor no cargo, José Yáñez, “por tanto traballo e dedicación ao Partido e ao Concello dende sempre e, especialmente, durante a súa etapa como alcalde”.

Arroupado polos presidentes do PPdeG e da provincia, Alberto Núñez Feijóo e Elena Feijóo, e nun concorrido mitin, o alcaldable tamén desgranou os principais eixos do programa de gobernabilidade que levará a cabo se acada a confianza dos pastoricenses este domingo. Tal é así que “unha das medidas que cremos que é esencial para a mellora do benestar das persoas maiores é a creación dun Centro de día con residencia, xa que a soidade dos anciáns é algo preocupante que está a ocorrer nestes momentos”. Esta nova medida, dixo, xunto co servizo de axuda no fogar para persoas dependentes, e financiado polo Goberno da Xunta, “vai mellorar notablemente a calidade de vida dos nosos maiores”.

A despobación do rural é outro problema que “a nosa formación vai intentar frear”. Para iso, contan con varias medidas á levar a cabo; a primeira delas é a dotación de subvencións para a construción ou rehabilitación de vivendas no rural para aquelas familias que decidan instalarse na Pastoriza.

A mellora sustancial do Punto de atención á infancia (PAI) e a instalación dun parque infantil na vila son outros dos proxectos que inclúen no seu programa, así como a instalación da rede de banda longa en todo o concello para conseguir unha mellor comunicación a través de Internet; “algo case fundamental no tempos en que vivimos”, destacou.

A economía é parte esencial no progreso dun concello. Por iso, e dado que o sector lácteo é “a principal fonte económica” desta localidade, prestarán asesoramento, tanto a gandeiros coma agricultores, sobre como obter un maior beneficio coa súa producción, ademais da incorporación de xente nova a dito sector.

A Pastoriza conta cun parque empresarial “moi desaproveitado”, con tan só catro empresas instaladas nel. A este respecto, Bouso indicou que é “esencial a captación de novo investimento, xa que permitiría gañar en volumen de traballadores, e a atracción de novo negocio daría un gran impulso á nosa economía”.

A práctica do deporte coma unha das principais formas de diversión e o apoio ás escolas deportivas municipais e ás sociedades deportivas, serán tamén unha prioridade para o equipo que lidera o coñecido empresario. Todo elo, engadiu, “sen esquecernos do gran patrimonio artístico, histórico e paisaxístico co que conta A Pastoriza. O que queremos é sacarlle o máximo partido ás nosas raíces e á nosa historia mediante a realización de actividades culturais que se realizarán en novos centros veciñais contruídos a partir da rehabilitación de antigas escolas que están en pésimas condicións. Por tanto, loitar por unha Pastoriza é mellor”, concluíu.

Etiquetas