Skip to main content
ActualidadeMuras

O sábado celebrarase en Muras a IV Romaxe Artesá da Chaira

Por 23 Maio, 2019Sin comentarios

O sábado 25 de maio celebrarase no concello de Muras a IV Romaxe Artesá da Chaira, unha festa na que se busca a reivindicación dos oficios tradicionais e sobre todo a dinamización do medio rural como lugar de creación de vida.

O Concello de Muras está comprometido coa súa terra por iso decidiron colaborar coa Asociación Obradoiros Artesáns da Terra Chá para crear a Romaxe Artesá da Chaira e axudar a manter vivos os oficios achegándoos a quen valora o feito a man e o legado de séculos que atesoura.

A primeira romaxe foi en maio de 2016 e, dado o éxito, repiten cada ano.

Nesta festa atoparanse cun espazo pensado para adultos e nenos, un escaparate aberto para aprender a valorar a beleza dos oficios, con demostracións en vivo dos artesáns chairegos de cómo se traballan tecidos e granito, madeiras, metais, barro e vimbios. Obradoiros sobre cociña e artesanía e charlas sobre emprendemento sostible chaman a atención de moitos para ouvir de primeira man experiencias que funcionan.

As actividades serán de 10:00 a 19:00 os postos de artesanía e demostracións, que contará con talleres de pedra, de instrumentos musicais, de cestaría, de calceta, de tallas de madeira, e ilustración ou de coiro entre outros; ademais son artesáns de recoñecido nome como Xavier Quijada, Xaneco Tubio, Idoia Cuesta, Tito Ledo ou Victor Uriz Carreira.

De 12:00 a 13:00 haberá unha charla de Desenvolvemento rural a cargo da Asociación Espazo Agroecolóxico A Estruga: Cooperación do traballo para o rural dende o rural.

De 11:30 a 13:00 será a quenda dos obraadoiros infantís de xoguetes sonoros con cana e de creación de broches.

De 13:00 a 14:00 haberá malabares con Kote Malabar e o espectáculo Cirkote, circo de rúa. Ao longo da maña haberá música de rúa con Pingarela.

Xa pola tarde, haberá xogos tradicionais a cargo de Xotramu, ás 16:30 comezarán os obradoiros para adultos de cestaría, no que elaborarán unha bandexa con vimbio.

De 17:00 a 18:00 será o segundo pase dos malabares de Kote Malabar. Ás 18:00  chegará a hora do teatro de títeres de Barriga Verde, o o Circo Galaico a cargo de Alakrán. Xa po último de 19:30 a 22:30 poderán desfrutar coa música de Fanfarria Taquikardia e o seu espectáculo de rúa, e despois ás 20:45 horas será o concerto de Sés.