Skip to main content
Actualidade

Títeres este sábado na Casa de Manuel María

Por 23 Maio, 2019Sin comentarios

Este sábado, 25 de maio, a Casa-Museo Manuel María programa, ás 18 hrs, Gaela quere ser druída, unha peza levada á escena por Teatro Marionetas Trécola.

Gaela quere ser druída, de 45 minutos de duración e para todos os públicos a partir de 3 anos, é unha peza de monicreques de fío e varillas ambientada na cultura castrexa e que ten a seguinte sipnose:

Seica Gaela anda aburrida e persegue o druída nun día moi importante para el, xa que en dúas lúas se celebra o consello anual de druídas e non encontra o condimento necesario para a súa nova poción. Finalmente a nena consegue contarlle o que lle preocupa, ela quere ser druída! Mais o mestre négase en rotundo porque “as nenas non poden ser druídas! Iso é cousa de homes!” Esta resposta, lonxe de calmar as ansias da nena, a convence de que ese é o seu fado. Gaela terá que demostrar ao druída que ela pode ser o que desexar se pon todo o seu empeño. Así, terá que pasar divertidas e emocionantes probas para acadar a súa capa branca.

A representación encádrase dentro do programa de teatro profesional PROSCENIO que impulsa a área de Cultura da Deputación de Lugo para contribuír á difusión do teatro na súa vertente profesional en entidades municipais e culturais da provincia, así como potenciar a actividade cultural.

A entrada é libre até encher o aforo mais as persoas interesadas en asistiren deben facer a reserva previamente en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou chamando ao teléfono 698177621.