Marisol Morandeira remata en Parga a súa primeira campaña ao fronte do PSOE de Guitiriz

Marisol Morandeira, candidata do PSOE á Alcaldía de Guitiriz, remata esta tarde a súa campaña visitando a parroquia de Parga, unha das máis poboadas do termo municipal. Trátase da primeira campaña que realiza ao fronte da lista electoral xa que na anterior, á que concorreu de número 8, estaba liderada por Regina Polín, a actual alcadesa.

“Malia ser agotadora, resultou unha experiencia moi agradable e enriquecedora”, explicou a candidata que afirma que “fun moi ben acollida polos veciños, así que independentemente do que pase o domingo foi unha experiencia que merceu a pena vivir”.

Para Marisol Morandeira o máis importante e enriquecedor foi o feito de que “a xente fala contigo, quere que a escoites”.

“A xente ten moito sentido común. Están preocupados pola contorna porque moitos dos nosos veciños viven do solo, da agricultura e gandeiría e non se sinten ben tratados. Nós non podemos facer nada nalgunhas cuestións pero fanos chegar o seu malestar porque queren que se manteña un medio de vida como é o rural. Malia cambiar totalmente a xente segue vivindo do campo, as demandas son distintas porque os que teñen explotacións necesitan outros servizos para seguir crecendo”, explica Marisol.

Morandeira encabeza unha candidatura nun concello onde a Alcaldía cambiou de cor en varias ocasións e onde o voto está moi pelexado. Ela mesma afirma, a falta de enquisas, “que vai estar tan pelexado coma sempre pero que sabemos que temos moito que ofrecer para mellorar a vida dos veciños e veciñas e cremos que eso quedou trasmitido”.

A candidata ten mañá, día de reflexión, unha celebración familiar na Coruña polo que dedicará o día a descansar fóra de Guitiriz. O domingo haberá que esperar ao final da noite para saber o resultado final, que se espera que volva ser moi apertado.

Etiquetas