Morandeira propón ao PSOE como a única opción “para seguir tendo o Guitiriz que todos queremos”

A candidata do PSOE á Alcaldía de Guitiriz, Marisol Morandeira, subliñou que “somos a única opción para seguir tendo o Concello que todos os veciños queremos”. Díxoo no mitin celebrado este mércores no Concello no que estivo arroupada pola Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, a Deputado do PSOE pola provincia de Lugo no Congreso, Sonsoles López Izquierdo, e a Deputada socialista no Parlamento Galego, Patricia Otero.

Marisol Morandeira destacou que “ofrecemos aos cidadáns un proxecto para seguir avanzando no futuro de Guitiriz. Para seguir impulsando e finalizar iniciativas fundamentais que puxo en marcha a Alcaldesa, Regina Polín e que son vitais para o Concello, como a residencia para a terceira idade que contará con 52 prazas con prioridade para os nosos maiores. Manteremos a xestión pública de Axuda no Fogar, ampliando tanto o número de traballadores deste servizo como as persoas atendidas e converteremos o PAI, posto en marcha polos socialistas, nunha escola infantil, pasando así das 20 pazas actuais a 41. E o faremos porque para o PSOE a prioridade é o benestar dos nosos veciños e as nosas políticas están enfocadas nesa liña”.

“Imos deseñar medidas pensadas para atender as demandas dos nosos veciños porque somos xente de aquí, que desenvolve a súa vida persoal e profesional no Concello, e que coñecemos de primeira man as necesidades de Guitiriz. Seguiremos apostando por desenvolver medidas que ofrezan oportunidades para que a xente desenvolva o seu proxecto de vida no municipio. Para seguir sendo un dos poucos da provincia con máis de 5.000 habitantes como. E para seguir vivindo nun pobo alegre e nun clima de convivencia, pois non podemos retroceder aos anos escuros e á crispación do PP. Por todos estes motivos sei que somos a mellor opción para gobernar Guitiriz”.

“Xogámonos avanzar ou retroceder”
A Alcaldesa advertiu que nestes comicios “xogámonos avanzar ou retroceder. Esa é a realidade. Hai 2 modelos, o do PSOE ou o do PP. E os feitos están aí e os veciños sábeno. Cando estivo gobernando o Partido Popular non tiñamos necesidades básicas como alumeados públicos, accesos, saneamentos, Servizo de Axuda no Fogar…E máis, eliminaban ou paralizaban dotacións que aos socialistas custáranos tanto poñer en marcha como a residencia na Casa da Botica, o servizo de atención psicolóxica ou o PAI. Nós, dende o Goberno Municipal, recuperamos estas prestacións, mellorándoas, e impulsamos novos servizos, como o centro de día ou a rehabilitación da Casa de Becín ou Campoverde para locais sociais. Esa é a nosa xestión, pensada por e para as persoas. Por iso, estou convencida de que este domingo os veciños votarán continuidade e progreso para non volver á parálise e ao abandono do PP”.

Etiquetas