Skip to main content
A PastorizaActualidade

O PSOE da Pastoriza destaca o traballo realizado nas parroquias e a redución da débeda

Por 24 Maio, 2019Sin comentarios

O candidato do PSOE á alcaldía da Pastoriza e actual rexedor do municipio, Primitivo Iglesias Sierra, subliñou que “precisamos dun goberno en maioría que nos permita continuar traballando, como fixemos estes anos, a carón dos veciños e veciñas para mellorar a súa calidade de vida”. Díxoo no mitin celebrado este xoves no que tamén participaron o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Deputada do PSOE no Congreso, Ana Prieto Nieto.

Primitivo Iglesias lembrou que “cando cheguei ao goberno municipal, a crise económica xeneralizada pero, sobre todo, unha nefasta xestión política herdada do goberno anterior, fixeron que me atopase cunha débeda moi próxima a un millón de euros. Na actualidade podo afirmar con orgullo que, a base de sacrificio e rigor administrativo, esta débeda reduciuse en máis dun 60% polo que hoxe somos un concello solvente”.

“A pesar daquela situación tan adversa fixéronse obras e inversións en todas e cada unha das 19 parroquias do concello. E, iso mesmo, é o que pretendo seguir facendo no caso de resultar elixido alcalde. Sempre procurei ser o alcalde de todos e de todas, sen distinción de ideas, situación ou condición social, pois toda a miña xestión tivo como fin prioritario atender as persoas e mirar por axudarlles en todo aquelo que puiden”, engadiu.

O proxecto do PSOE da Pastoriza para a vindeira lexislatura contempla os seguintes compromisos: construción dun centro de día cun espazo para residencia; baixada dos impostos da contribución rústica e urbana; plan prioritario de mellora de estradas; implantación de banda ancha no concello; promoción do pequeno comercio e dos autónomos; potenciación do municipio como polo de atracción de empresas; desenvolvemento do turismo no concello; formación para o emprego e inserción laboral cunha Bolsa Municipal de Emprego; ou a promoción de vivenda protexida e de aluguer cunha Bolsa Municipal de Vivenda.

Cultura, educación e deporte
Ademais, a cultura, a educación e o deporte ocupan un lugar destacado no proxecto dos socialistas para A Pastoriza, propoñendo unha programación cultural axeitada e de calidade para todos os veciños e veciñas; potenciar a actividade sociocultural en colaboración con todas as asociacións; un programa municipal de conciliación da vida familiar e laboral, e un programa municipal de igualdade; colaboración estreita cos centros educativos do concello para a educación dos nenos e nenas, continuar coa política de becas de transporte; mellora das instalacións deportivas do concello, colaboración cos clubs deportivos, e impulso ás Escolas Deportivas Municipais.

Candidatura para continuar o proxecto socialista
O Alcalde da Pastoriza destacou que se trata dunha lista seria, con xente responsable, honesta e comprometida cos veciños da vila. “Preséntome a estas eleccións con ilusión e renovados ánimos, encabezando un equipo de persoas moi cualificadas e que, coma min, teñen o firme compromiso de axudar a mellorar a situación do noso concello, parroquia por parroquia, barrio por barrio. Por iso, confío en que o 26 de maio os pastoricenses nos dean a oportunidade de continuar traballando para facer da Pastoriza un concello do que nos poidamos sentir cada día máis orgullosos”.

A lista do PSOE para o Concello da Pastoriza intégrana Primitivo Iglesias Sierra, Monserrat Cabaneiro Rego, Antonio Daniel Diez Rivas, Constantino Fernández Leira, Wilma Cabodevila Val, Miguel Ángel Rico Rodríguez, María de los Ángeles Anido Murias, Elba María Sandamil Morado, Jesús López Expósito, Sonia Valiña Piñeiro, Antonio Lorigados Eiras, Sonia Dorado Fernández, José Corral Cabado, David Pérez López, Iván Andion Ledo, Digna Gallego Méndez, Josefa Orlanda Seco Fernández, Jose Ramón Leivas Falcón, Olga Murado Teijeiro, Diogenes Iglesias Cabaneiro.