Unha ruta BTT unirá os principais núcleos de poboación de Outeiro e Castro de Rei

Os Concellos de Outeiro de Rei e Castro de Rei crearán un roteiro BTT, para bicicletas todoterreo, cunha lonxitude dun 75 quilómetros nun trazado circular que pasa polos principais núcleos de poboación de ambos os dous concellos.

A actuación, cun orzamento global de 98.800,13 euros, dos que a Xunta achega un 65% a través do Fondo de Compensación Ambiental, consiste na sinalización e colocación de paneis informativos do roteiro e dos espazos naturais e patrimoniais polos que pasa.

Así mesmo incorporarase o trazado á app municipal Camiños de Outerio de Rei. Esta aplicación está dispoñible tanto para IOS como Android e permitirá seguir o roteiro con posicionamento GPS. Permite ademais consultar toda a información de interese para o visitante (onde comer, onde durmir, que recursos visitar, servizos de que dispón o municipio… etc) así como o resto de roteiros dispoñibles neste municipio.

Esta actuación vén completar os investimentos que ambos os concellos viñeron realizando na promoción de actividades de lecer e deportivas ao aire libre aproveitando os enormes potenciais naturais e paisaxísticos deste enclave da Terra Chá.

Este territorio de topografía suave é ideal para este tipo de actividade de lecer e aventura polo que esta constitúe a primeira actuación no proxecto de creación dun centro BTT na Terra Chá que vén cubrir un baleiro existente en canto a este tipo de centros xa que nestes momentos apenas existen catro en toda a comunidade autónoma localizadas na zona sur de Galicia.

 

Etiquetas