Vilalba, incluída nun proxecto europeo para ter wifi gratis en espazos públicos

As localidades da provincia de Lugo de Vilalba e Foz atópanse entre os 20 municipios galegos beneficiados por unha subvención europea para a instalación de conexións de rede de alta velocidade gratuíta en espazos públicos.

Os municipios seleccionados, ademais dos lugueses, foron Abegondo, A Baña, Ordes, Pontedeume, Porto do Son, Ribeira, San Sadurniño, Valdoviño, Vedra e Vimianzo, na Coruña; Marín, O Grove, Sanxenxo, Tomiño e Vigo, na provincia de Pontevedra mentres que na de Ourense foron Maside, Parada de Sil e Ribadavia.

En total a UE seleccionou 510 municipios españois e 3.400 de toda Europa, das 10.000 solicitudes presentadas, que recibirán unha axuda de 15.000 euros para financiar as instalacións das conexións de rede de alta velocidade, mínimo 30 megas, en espazos públicos. O programa conta cun orzamento de 120 millóns de euros.

Esta iniciativa enmárcase no programa Wifi4EU cuxa finalidade é crear miles de puntos de acceso de wifi gratuítos nos espazos públicos das comunidades locais en toda Europa para 2020.

Os concellos dispoñen agora dun prazo de máximo de 18 meses para definir o proxecto de instalación e seleccionar os espazos municipais, prazas, parques, centros culturais e demais lugares onde se vai instalar este servizo.

Etiquetas