Skip to main content
AbadínActualidade

Esixen ao alcalde de Abadín que habilite o acceso á rúa a unha xubilada en cadeira de rodas

Por 5 Xuño, 2019Sin comentarios

A Comisión de Política Social do Parlamento aprobou unha iniciativa socialista para que a Xunta se dirixa ao Concello de Abadín e lle reclame que habilite o acceso á rúa dunha xubilada en cadeira de rodas veciña de Abeledo. A parlamentaria luguesa Concepción Burgo presentou esta iniciativa na que lembra que a veciña leva pedindo unha resposta do Concello dende que hai 5 anos e medio asfaltara a vía pública bloqueándolle o acceso.

Burgo explicou que froito daquelas obras, o firme da estrada quedou 15 centímetros por riba do nivel da vivenda, cunha pendente superior ao 20 por cento, impedíndolle á veciña acceder á rúa polos seus propios medios. Sinalou a situación de “indefensión e desamparo inadmisibles” para esta veciña, que en 2013 comunicou a súa situación ao Concello, en 2015 presentou un escrito ante a Valedora do Pobo, quen lle deu a razón, sen que obtivera resposta do alcalde.

Tamén presentou unha queixa coa sinatura de máis de 50 veciños e veciñas, xunto cun informe técnico dun arquitecto, que valora a supresión da barreira en 5.600 euros, sen que tampouco motivara ao alcalde a ofrecer ningunha resposta. Burgo lembrou que, de acordo coa Lei de Accesibilidade de Galicia, a actuación é responsabilidade do rexedor municipal, representante do PP, e a Consellería de Política Social ten así mesmo a obriga de facer cumprir coa dita Lei.

Criticou que o alcalde teña “provocado de maneira deliberada” unha “represalia” de cinco anos e medio contra unha veciña particular do seu Concello, e faino responsable dunha “responsabilidade moral moi importante”. A parlamentaria socialista esixiu a restauración inmediata da “dignidade e dereitos” que merece esta veciña, e lembrou que a Lei de Accesibilidade establece sancións contra estas infraccións.

A parlamentaria socialista aceptou hoxe a proposta de transacción presentada polo PP -que retirou as alusións á dita potestade sancionadora que si que incluía a iniciativa orixinal- a fin de resolver a situación da veciña. Considera ademais “triste” que “teñamos que chegar ata aquí para que se reúna a Comisión Técnica de Accesibilidade o próximo día 11”, logo de un lustro de “calvario” e só despois de ter coñecido a iniciativa presentada polos socialistas galegos.