Outeiro abre o prazo para inscribirse aos programas de conciliación do Concello para o próximo curso

O Concello de Outeiro de Rei abre o prazo de solicitude para poder participar durante o curso escolar 2019/2020 nas seguintes iniciativas incluídas dentro do Programa Municipal de Conciliación Familiar e Apoio á Educación:

Outeiro Madrugador e Outeiro Tardes

Estas iniciativas están dirixidas a nenos e nenas de ata 12 anos de idade, empadroados no Concello de Outeiro de Rei ou matriculados no CEIP Laverde Ruiz; ambas iniciativas pretenden axudar aos pais que traballan ou que por outras razóns necesitan deixar aos seus fillos atendidos antes ou despois da xornada lectiva.

Outeiro Madrugador. Iniciativa que funciona dende as 7:45 h ata a entrada dos nenos no colexio. A cota para poder beneficiarse deste servizo durante todo o curso escolar está establecida en 50 euros anuais.

Outeiro Tardes. Servizo que funciona en horario de 16:00 h a 20:00 h (este horario adaptarase ao remate da xornada escolar); a cota para participar nesta iniciativa é de 15 euros ao mes a aboar na primeira quincena do mes anterior (a excepción da cota de setembro que se paga en xuño).

Para ser usuario de calquera destas iniciativas é preciso realizar a inscrición e aboar as correspondentes cotas na biblioteca municipal de Outeiro de Rei en horario de 10:30 h a 13:00 h. O prazo permanecerá aberto ata o día 17 de xuño.

Outeiro Lúdico. Iniciativa incluída dentro do programa de conciliación familiar promovido polo Concello de Outeiro de Rei. Tratase dun servizo de atención infantil para nenos de Outeiro de Rei con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos que ten por obxectivo favorecer a conciliación da vida familiar e laboral nos períodos correspondentes ás vacacións escolares de Nadal, S. Santa e verán (no mes de agosto condicionado ao que se di no seguinte parágrafo) estendéndose tamén aos días non lectivos existentes no calendario escolar do CEIP Laverde Ruíz. O horario de funcionamento deste servizo establecese de 7:45 h a 20:00 h (estes horarios poderán sufrir variacións en función da demanda que exista). A cota a aboar nesta actividade será de 60 euros anuais repartidos en 2 prazos. O primeiro a aboar no momento da inscrición (30 euros, 1ª quincena de novembro) e o 2º a aboar ata o 15 de xuño.

Agosto. Outeiro Lúdico funciona tamén en agosto cunha cota de 30 euros e horario de 7:45 h a 20:00 h.

Días soltos. Nas iniciativas Outeiro Lúdico, Outeiro Tardes e Outeiro Madrugador o Concello de Outeiro de Rei ofrece a posibilidade de utilizar estes servizos, sempre que exista praza, por días soltos; para este suposto a cota será de 5 euros ao día.

Igualmente, sempre que exista dispoñibilidade de praza, poderanse incorporar novos usuarios a calquera destas iniciativas fóra dos prazos de inscrición previstos; nestes casos será preciso aboar a totalidade da cota anual establecida para a actividade a excepción da iniciativa OUTEIRO TARDES onde se pagará a mensualidade completa dende o primeiro mes de incorporación (con independencia da data na que se produza).

Ademais, pensando nas necesidades dos pais/nais con fill@s que se incorporen este curso ao colexio, o Concello de Outeiro de Rei ofrece as seguintes posibilidades para o mes de setembro:

  • Posibilidade de incorporación á iniciativa Outeiro Lúdico ata o inicio do curso escolar. Prezo: 15 euros
  • Perído de adaptación. Posibilidade de acollemento d@s nen@s en horario de mañá mentres dure o período de adaptación establecido para 4º de Infantil. Prezo: 15 euros.

Etiquetas