Skip to main content
ActualidadeRiotorto

O BNG critica ao alcalde de Riotorto por convocar un pleno para fixar o seu salario o primeiro día

Por 17 Xuño, 2019Sin comentarios

O BNG de Riotorto criticou a “urxencia” do alcalde, o popular Clemente Iglesias, en fixar o seu soldo. “A investidura celebrouse ás 10:30 e, media hora despois, os membros da corporación municipal fomos convocados para un sesión extraordinaria cun único punto na orde do día, a retribución do rexedor, unha mostra do que realmente lles interesa de estar no goberno”, denunciou o concelleiro nacionalista, Luis Fernández.

Iglesias asignouse un soldo de 2.870 euros mensuais, máis dúas pagas extraordinarias en xuño e decembro, máis “os trienios correspondentes”. A contía supera os 41.200 euros anuais.

O concelleiro do BNG criticou a “desorbitada cifra do salario para concello que conta con pouco máis de 1.200 habitantes e no que a poboación descende ano a ano. Cobrará máis que o alcalde da Coruña na pasada lexislatura”, comparou.

Fernández apuntou que o soldo de Iglesias “multiplica por tres a renda media dos habitantes do municipio, que non chega aos 13.000 euros. Unha vez máis sairemos na prensa por termos o alcalde mellor pagado. Espero que en catro anos saiamos por ser o concello no que mellor se vive”, ironizou.

O edil nacionalista subliñou que a contía supón unha suba de 170 euros con respecto ao salario que o popular se asignou na primeira lexislatura. “Supoño que será a mesma cantidade que subirá a nómina as empregadas e empregados do concello”. Fernández recordoulle a Iglesias “que o seu partido votara en contra da suba do salario mínimo no Congreso: 900 euros son demasiado para os demais pero a vostede fanlle falta 2.870”, incidiu na contradición.

No Pleno, non se fixou ningún dos outros extremos previstos na lexislación como son a periodicidade das sesíons plenarias ou a creación e composición das comisións informativas. A Corporación deberá reunirse de novo con carácter extraordinario para concretar estes aspectos.

Na sesión plenaria, o secretario municipal recoñeceu a “excepcionalidade” que supón convocar un Pleno para fixar as retribucións no mesmo día da investidura.