Skip to main content
ActualidadeXermade

Denuncian ante o xulgado á directiva da comunidade de montes de Lousada

Por 20 Xuño, 2019Sin comentarios

O xulgado de Instrucción de Vilalba estuda unha denuncia presentada contra a Xunta Directiva da Comunidade de Montes de Lousada, no concello de Xermade, por un suposto delito de administración desleal, tipificado no artigo 252 do Código Penal, na xestión dos montes veciñais en man común da parroquia.

A denuncia, que foi ratificada nos Xulgados de Vilalba, deriva das “irregularidades detectadas na contabilidade da Comunidade nunha auditoría externa encargada por un grupo de comuneiros”. Este informe pericial independente desvelou no pasado mes de febreiro “defectos graves no funcionamento da Comunidade e falta de información e ocultismo na documentación facilitada aos socios”.

Segundo explican os denunciantes, “entre outras irregularidades, a auditoría detectou un desfase de máis de 30.000 euros no balance contable do ano 2017 entre o saldo positivo que figura na contabilidade oficial presentada pola Xunta Directiva (75.000 euros) e o realmente existente nas contas da comunidade (44.000 euros), así como movimentos bancarios e cargos por importe de máis de 10.000 euros sen soporte documental algún, pagos e cobros realizados ao contado que non contan cos xustificantes correspondentes, gastos rexistrados por duplicado, unha partida de gastos sen xustificar e determinados conceptos que serían alleos á propia actividade da Comunidade de Montes”.

A denuncia, que asina Alfonso Fernández Pena en calidade de veciño da parroquia e comuneiro, alerta de que “non se está levando a cabo unha xestión responsable, rigurosa e leal”, polo que se recurre ao Xulgado “en defensa dos intereses da propia Comunidade de Montes e para velar polos dereitos dos 70 comuneiros afectados”.

O suposto delito penal contra o patrimonio e de carácter societario, con penas que irían entre os 6 meses e os tres anos de prisión, recaería sobre a totalidade da Xunta Directiva actual, presidida por Roberto García, e os restantes seis membros da xunta rectora escollida na Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada o 5 de maio de 2018.

Ocultación e nepotismo

Entre outras dilixencias, os denunciantes solicitan ao Xulgado de Vilalba que requira aos denunciados para que aporten unha serie de documentación que non foi facilitada aos comuneiros, entre outra, os Libros de Actas así como os Libros de Ingresos e Gastos, os movementos bancarios, a relación de subvencións recibidas e o inventario de bens e maquinaria que pertence á comunidade.

Segundo afirman, tanto o veciño denunciante como outros comuneiros pediron en diversas ocasións á Xunta Directiva da CMVMC de Lousada “toda a documentación económica e patrimonial aos efectos de poder analizar o estado actual das contas e a xestión levada a cabo desde o ano 2007 sen que esta fora aportada”.

Pretendían deste xeito analizar a xestión levada a cabo nos últimos 10 anos, “non sendo isto posible pois simplemente puideron ver de xeito parcial a documentación relativa ao ano 2017”, din. Por iso reclaman agora esa documentación por vía xudicial. De feito, a denuncia insta ao Xulgado de Vilalba a solicitar da Xunta de Galicia “os distintos estados de contas presentados desde o ano 2007 até a actualidade así como as subvencións aportadas para conceptos como limpeza de ontes, pastoreo ou loita contra incendios”.

O actual presidente da Comunidade de Montes ocupa o cargo desde o mes de xuño de 2017 cando pasou a asumir esta responsabilidade como consecuencia do falecemento do seu pai, que ostentou o cargo durante máis de 20 anos.

Funcionamento en entredito 

O funcionamento da Comunidade de Montes de Lousada está en entredito desde que hai un ano, en marzo de 2018, a Asemblea da Comunidade decidise apartar dos seus cargos á Xunta Directiva e convocar novas eleccións, nas que, por só 3 votos de diferenza, revalidaron o cargo os 7 membros agora denunciados nun proceso plagado de sospeitas e irregularidades que foi impugnado sen que a Xunta Directiva resultante dese trámite conforme ao establecido nos Estatutos da entidade.

O grupo de veciños críticos coa xestión levada a cabo nos últimos anos denuncian a “ocultación de contratos e adquisicións feitas pola comunidade”, como por exemplo diversa maquinaria e demandan aclaracións a respecto “do uso comunal ou privativo que se fai dela”.

A CMVMC de Lousada está formada por 70 comuneiros e conta con máis de 700 hectáreas de superficie. Ademais dos procedentes das cortas de madeira realizadas, a Comunidade recibe ingresos dun parque eólico instalado en terreos da súa propiedade por importe de 30.000 euros anuais.

Ademais da denuncia que vé
n de ser presentada agora polos propios veciños, a Xunta Directiva actual mantén tamén un conflicto con propietarios forestais da veciña parroquia vilalbesa de Vilapedre, por cortas realizadas en terreos que se atopan en litixio por un problema de lindes da Comunidade de Montes de Lousada.