O alcalde de Monforte recibe o respaldo do PSOE para gobernar a Deputación

O alcalde de Monforte, o socialista José Tomé Roca, conta xa co apoio da comisión federal do PSOE, órgano do que forma parte o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, para ser o próximo presidente da Deputación de Lugo, en substitución de Darío Campos.

Xunto a Tomé Roca, que nas municipais logrou a maioría absoluta ao pasar de seis a once edís, tamén foron aprobados os nove representantes dos partidos xudiciais que lle acompañarán no organismo provincial, do que ademais queda fóra o propio Campos.

Así as cousas, pola Mariña foron elixidos finalmente a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; e a rexedora de Trabada, Mayra García. E polo partido xudicial de Lugo entrou a secretaria local do PSdeG, Ana González Abelleira.

Tamén están os alcaldes de Pedrafita e Castroverde, José Luis Raposo e José María Arias; o número dos de Láncara e diputado de Deportes en funcións, Pablo Rivera; a voceira de Antas de Ulla e diputada en funcións de Cultura, Pilar García; o alcalde de Xermade, Roberto García; e o de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández.

A comisión ratificou ademais a designación de Valentín González Formoso para repetir á fronte do organismo provincial coruñés e de Carmela Silva no pontevedrés. O aspirante para conquistar o cetro en Ourense será o secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, aínda que un pacto entre o actual titular en funcións, o popular José Manuel Baltar, e o líder de Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Jácome, non lle deixa opción ningunha.

Etiquetas