Alumnos de Meira, premiados no certame Nós tamén creamos!

A Xunta de Galicia deu a coñecer, a través do Portal educativo e do Portal da lingua galega, a resolución da VIII edición dos Premios a curtas de animación en galego Nós tamén creamos!, convocados conxuntamente coa Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) en colaboración con OQOeditora.

Na categoría de 3º e 4º de primaria resultou galardoada a curta Maruxa, do CEIP Poeta Avelino Díaz, de Meira.

Cada un dos centros premiados recibirá un lote de libros de OQOeditora, un agasallo da CRTVG e un diploma acreditativo. Ademais, o profesorado participante nas curtas premiadas obterá unha certificación de Premio de Innovación Educativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. As curtametraxes seleccionadas poden verse no Portal da lingua galega, así como na sección infantil do web da Televisión de Galicia.

Nós tamén creamos! é un programa de dinamización lingüística que desenvolven conxuntamente as consellerías de Cultura e Turismo e de Educación, Universidade e Formación Profesional a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa en colaboración coa CRTVG e con OQOeditora.

Mediante a elaboración de curtas de animación en galego coa técnica stop-motion búscase favorecer a innovación educativa para promover xeitos cada vez máis efectivos de aprendizaxe de linguas; conseguir unha relación positiva dos rapaces co idioma propio de Galicia, ao relacionalo co audiovisual e coas TIC; abrir unha nova oportunidade para que a mocidade se achegue á lectura; fomentar a creatividade en lingua galega e difundir as posibilidades de ocio en galego que ofrece a TVG.

O profesorado recibe materiais e formación, no marco do Plan Proxecta, para levar adiante co seu alumando estes proxectos cinematográficos.

Etiquetas