Skip to main content
Actualidade

O Concello das Pontes inviste 35.000 euros en axudas á escolarización

Por 26 Xuño, 2019Sin comentarios

O Concello de As Pontes destinará 35.000 euros para o programa municipal de axudas para a escolarización, dirixidas a atender os gastos orixinados polo inicio do curso escolar 2019-2020, un 16,5% máis con respecto ao curso pasado.

Estas achegas están destinadas a atender os gastos de adquisición de libros e material escolar do alumnado de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos do municipio.

No caso do alumnado de Educación Infantil de 0 a 3 anos, a axuda poderá alcanzar os 30 euros. Para Educación Infantil de 3 a 6 anos a contía elévase a 100 euros, ao igual que para Educación Primaria e Secundaria. Os ciclos Formativos e o Bacharelato subvencionaranse con ata 140 euros e os matriculados en FP básica recibirán axudas de 80 euros

Os veciños e veciñas empadroadas en As Pontes, con ingresos anuais que non superen os 19.500 euros e  cunha parte do aforro da base impoñible non superior ós 300 euros poderán beneficiarse destas axudas.

Para solicitar estas achegas é necesario ter presentado a solicitude de reserva de matrícula ou de admisión nun centro público da localidade e estar ó corrente coas obrigas fiscais da Axencia Tributaria, Seguridade Social e Concello de As Pontes. Ademais para acceder a estas axudas terase en conta a valoración da situación familiar do solicitante que se elaborará desde o departamento de Benestar Social, Igualdade, Educación e Xuventude do Concello de As Pontes.

O pagamento da axuda realizarase por medio dun vale trocable nas distintas librarías de As Pontes, con data límite ata o 30 de novembro de 2019.

O prazo para solicitar as axudas é de vinte días naturais, a contar desde o día 26 de xuño e é preciso presentar a solicitude no rexistro xeral, en horario de 08:30 a 14:30 horas, ou na sede electrónica do Concello así como achegar a documentación esixida.

Pódese obter máis información sobre estas achegas no Boletín Oficial da Provincia 114, do 18 de xuño de 2019 na páxina na web www.dicoruna.es, ou ben achegarse ata o departamento de Servizos Sociais, ubicado no segundo andar da Casa Dopeso.