A partir do 1 de xullo abren as piscinas de Friol e comezan os cursos de natación

Como todos os anos o Concello de Friol reabre as súas piscinas o día 1 de xullo e ata o 31 de agosto. As instalacións contan con unha piscina para nenos e outra para adultos. O horario de apertura ao público será de luns a venres de 14:00 a 20:00 horas e sábados, domingos e festivos de 12:00 a 21:00 horas.

Tamén se organizan uns cursos de natación de iniciación e perfeccionamento subvencionados polo Concello de Friol, sobre os cales poderán obter información e facer a inscrición correspondente dende o 1 ata o 10 de xullo nas mesmas piscinas municipais.

Este concello aposta por dar servizos e opcións de ocio á xente do pobo e á que desexe vir dende outros puntos. Sempre pensando en mellorar a calidade de vida e intentando dar un empurrón ós negocios que se poden ver beneficiados pola importante afluencia de visitantes que este servizo xera no municipio durante os meses de verán.

Coa apertura das piscinas municipais tamén se colabora na xeración de emprego, xa que son tres postos de traballo directos e outros indirectos os que se precisan para que durante estes dous meses todo funcione correctamente.

Ademais de vir desfrutar dunha agradable tarde de piscina, poderán gozar do fermoso e tranquilo paseo fluvial que transcorre ó longo do Río Narla, acondicionado con mobiliario suficiente para poder divertirse cunha merenda e mesmo facer un bo churrasco. Tamén poderán desfrutar coa visita a diferentes monumentos e lugares que temos a sorte de manter no noso pobo.

Etiquetas