Pastoriza acolle a entrega do premio ION-SGPF

Este venres 28 de xuño, ás 21:00 na Casa da Cultura do Concello da Pastoriza, entregarase o Premio ION-SGPF ao mellor peche eléctrico (2018).

Nesta convocatoria retómase o espírito de antigas edicións na procura dunha mellor xestión das superficies forraxeiras grazas ao emprego de peches electrificados, hoxe en día a mellor ferramenta de gandeiros e gandeiras para a xestión do pastoreo do gando. Este premio está convocado pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes e a empresa luguesa ION, fundada por Daniel López González, que leva décadas adicada á fabricación de pastores eléctricos e material para realizar peches electrificados e que pretende deste xeito fomentar o bo uso destas ferramentas indispensables para o manexo do gando.

O premiado nesta convocatoria 2018 foi Amaro López Rivero, veciño da parroquia de Córneas, no concello lugués de Baleira. “Dende a SGPF queremos destacar a labor deste gandeiro de vacún de carne en extensivo que xestiona 36 ha de pradeiras e terreos de monte para alimentar a 38 vacas e 5 cabalos. O seu traballo na recuperación de terreos pobres, co manexo do gando e a presión do pastoreo grazas ao correcto emprego de peches electrificados o fai un exemplo na súa contorna para mostrar o que se pode facer para transformar as superficies abandonadas en prados e pradeiras”, di o xurado.

A gandería está integrada exclusivamente con gando da raza Vianesa e conta con máis de 13 km de peches.

Etiquetas