A Real Academia Galega dedicará o Día das Letras Galegas de 2020 a Ricardo Carballo Calero

A Real Academia Galega dedicará o Día das Letras Galegas de 2020 a Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), que dende o ano 1981 asinou as súas obras e escritos como Carvalho Calero.

O Pleno da institución acordou na sesión ordinaria celebrada hoxe homenaxealo o 17 de maio do ano que vén, cadrando cos 110 anos do seu nacemento e os 30 do seu pasamento. O profesor ferrolán, unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX, desenvolveu unha traxectoria vital fondamente vencellada á historia do galeguismo no pasado século XX: foi na mocidade membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador da revista Nós, participou na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936 e, xa no exilio interior, implicouse activamente nas estratexias de recuperación do idioma propio. Membro da Real Academia Galega, destacou tanto no ámbito da creación literaria como na crítica e na investigación filolóxica, converténdose en 1972 no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas.

Ricardo Carballo Calero medrou en Ferrol, rematou o bacharelato na Coruña e en 1926 marchou estudar Dereito e Filosofía a Santiago de Compostela, onde mantivo unha intensa actividade intelectual e política: entrou axiña en contacto co galeguismo artellado arredor do Seminario de Estudos Galegos —do que chegou a ser secretario xeral— e cultivou un estreita relación con Vicente Risco, Castelao, Ramón Otero Pedrayo e outros mestres da Xeración Nós. Nesta etapa redactou un manifesto sobre a galeguización da universidade (subscrito, entre outros, por Álvaro Cunqueiro ou Francisco Fernández del Riego) e participou na fundación do Partido Galeguista e no proceso de redacción do Estatuto de Autonomía para Galicia. Dos anos de mocidade son ademais as súas primeira obras literarias, os poemarios Vieiros (1931), o seu primeiro libro en galego, e O silenzo axionllado (1934).

 

A guerra civil estopou cando preparaba en Madrid as oposicións á cátedra de bacharelato, despois de acadar unha praza de funcionario no seu concello natal. Loitou no bando republicano, como miliciano primeiro e logo como tenente, e en 1939 foi detido e condenado a prisión. Dous anos despois foi posto en liberdade, pero prohibíuselle ocupar cargos públicos. Empezaría daquela unha etapa dedicada ao ensino privado que o levaría en 1950 a fixar a súa residencia en Lugo para dirixir o Colexio Fingoi, mentres restablecía relacións co galeguismo que non se exiliara. Ese mesmo ano fundábase a Editorial Galaxia, un proxecto co que colaborou activamente. Participou na primeira xeira da Colección Grial e foi membro do consello de redacción e constante colaborador da revista Grial desde a súa saída en 1963  ata 1989, pouco antes do seu pasamento.

No ámbito académico, en 1954 doutorouse en Madrid coa tese Aportaciones a la literatura gallega contemporánea. En 1958 ingresou como membro de número da Real Academia Galega, co discurso titulado Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía, e máis adiante sería o redactor, xunto a Ramón Piñeiro, das primeiras normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas por esta institución (1970-71). En 1965 incorporouse como profesor interino á Universidade de Santiago de Compostela, da que foi o primeiro docente das materias de Lingua e Literatura Galegas, que se acababan de introducir como optativas nos programas universitarios; e en 1972 converteuse no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas, posto do que se xubilou no ano 1980. Durante as últimas décadas da súa vida mantivo unha intensa actividade como articulista e colaborador en prensa, residindo de xeito permanente en Santiago de Compostela, onde faleceu en 1990. O seu labor foi recoñecido nestes anos dentro e fóra de Galicia. En 1981 foi nomeado membro da Academia das Ciencias de Lisboa e en 1984 recibiu a Medalla Castelao.

 

Da creación ao estudo da literatura

A obra de creación literaria de Carballo Calero transita os diversos xéneros canónicos e suma uns vinte libros. Como narrador publicou A xente da Barreira (1951) —premio Bibliófilos Gallegos e primeira novela en galego da posguerra, cunha historia centrada nunha saga fidalga do rural—, Scórpio (1987) —na que retrata a xeración dos vencidos na guerra civil e considerada en certos aspectos autobiográfica— e relatos curtos. Tamén cultivou a poesía, con títulos como Vieiros (1931), O silenzo axionllado (1934), Anxo de terra (1950), Poemas pendurados dun cabelo (1952), Salterio de Fingoy (1961), o volume antolóxico Pretérito imperfeito (1980), Cantigas de amigo e outros poemas (1986) ou Reticências (1990). Igualmente, fixo achegas á literatura galega como dramaturgo: Catro pezas: A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre, Auto do prisioneiro (1971), Teatro completo (1982).

Na súa extensa produción destacan os seus estudos sobre a literatura, que con frecuencia atravesan as fronteiras entre os xéneros didáctico e ensaístico. Entre as súas importantísimas contribucións á historiografía literaria sobresae a erudita Historia da literatura contemporánea galega (1963), o esforzo de sistematización da nosa literatura máis ambicioso e significativo da segunda metade do século XX. Nos estudos que publicou na década de 1970 sobre diversos autores salientan os que lle dedicou a Rosalía de Castro, coa edición da súa poesía e análises da lingua e da obra literaria da poeta (Estudios rosalianos, 1979). Unha parte deses traballos están recollidos en colectáneas como Libros e autores galegos (2 vols., 1979 e 1982), Estudos e ensaios sobre literatura galega (1989) e Escritos sobre Castelao (1989). Foi tamén moi relevante a súa actividade como conferenciante e articulista, incluso nas páxinas da prensa diaria, arredor de asuntos de índole filolóxica ou cultural. Recolleitas de traballos deste tipo atópanse nos volumes misceláneos Umha voz na Galiza. Artigos de Jornal (1933-1989) (1992) e Ricardo Carvalho Calero: a ciencia ao servizo da nación (2010).

Carballo Calero é ademais autor da Gramática elemental del gallego común (Galaxia, 1966), manual de referencia para as primeiras xeracións de estudantes de lingua galega e que atinxiu unha gran difusión, ata chegar ás sete edicións. A de 1979, a derradeira, ten cambios importantes na ortografía e en escollas léxicas e, sobre todo, morfolóxicas a raíz do cambio na concepción de Carballo sobre o que debería ser o galego culto, xa que desde mediados da década dos 70 pasou a defender a adopción dunha ortografía próxima á portuguesa para o galego e a aceptación do portugués como referencia fundamental do galego estándar. A partir desas datas empeza a asinar como Ricardo Carvalho Calero. Os seus traballos lingüísticos e a exposición e propostas de orientación reintegracionista foron recollidos en volumes como Problemas da Língua Galega (Lisboa, 1981), Da fala e da escrita (1983) e Do galego e da Galiza (1990).

Etiquetas