Adxudicadas as obras de renovación na avenida das Campeiras das Pontes

O Concello das Pontes aprobou, en Xunta de Goberno local, a adxudicación das obras de renovación dos servizos urbanos da Avenida das Campeiras á empresa Urespa Proyectos y Obras SL .

Estes traballos, cun orzamento de 100.136 euros, procedentes do Fondo de Compensación Ambiental do 2019 e un prazo de execución de dous meses, permitirá mellorar as redes de saneamento, pluviais así como as canalizacións da iluminación pública. Asemade instalarase unha tubaxe para fibra óptica, no tramo comprendido entre o cruzamento coa Avenida Monte Caxado e a rúa Cobelos.

O proxecto tamén inclúe a substitución do actual colector de saneamento e antiga tubaxe de abastecemento de auga, ademais de todas as conexións individuais, os embornais así como o alumeado público para instalar novos báculos de luz, acordes cunha estética máis actual e funcional.
Asemade, un sobreancho na beirarrúa cara a zona de aparcadoiros, de xeito que se permita a circulación dos peóns, de acordo coa normativa actual vixente de accesibilidade, e mediante a eliminación das barreiras arquitectónicas existentes que contribuirá a humanizar a zona, mellorar a estética e crear un maior estado de benestar á veciñanza.

Etiquetas