O Partido Popular presenta ao seu equipo provincial

A presidenta provincial e deputada pola Mariña, Elena Candia, presentou ao equipo de traballo que conformará o grupo provincial do PP na Deputación para o vindeiro mandato; “un gran equipo, dixo, que ademais gañou as eleccións”, e que, por tanto, está en disposición de gobernar.

“Temos un proxecto de provincia, que esperamos poder executalo para gobernar esta institución se respectan o que decidiron os veciños e veciñas, pero se os que perderon non nos deixan facelo faremos unha oposición construtiva e coherente, defendendo o que fixemos nos últimos anos, sobre todo, nestes últimos catro, onde cun goberno en minoría, este grupo, e dunha maneira responsable, conseguiu que se levasen a cabo os principais proxectos”. A modo de exemplo, Elena Candia citou “a aplicación dun reparto equilibrado de fondos para os Concellos, apartar esa maneira de traballar con sectarismo do Partido Socialista”, ademais de investimentos económicos importantes como foron os Plans Único e de Rehabilitación de Firme de Estradas Provinciais.

Proxecto de provincia
En total, dos 12 deputados, cinco estréanse no cargo. Trátase do candidato de Foz, Javier Castiñeira, do concelleiro de Lugo, Óscar Poy, e dos alcaldes de Palas de Rei, Friol e Folgoso do Courel, Pablo Taboada, José Ángel Santos e Lola Castro, respectivamente.

“Vimos con ilusión e con ganas de traballar. Apostamos pola colaboración institucional e o reforzo do traballo conxunto co Goberno do Estado, a Xunta e os Concellos”. Todo o contrario, engadiu, de como empregou estes anos o PSOE a Deputación.

“Somos críticos con que as institucións se veñan usando como fai o Partido Socialista, como arma arroxadiza en contra daqueles gobernos onde non o fai o seu Partido”. Pola contra, remarcou: “o noso único compromiso é a provincia porque para iso tivemos o apoio maioritario dos cidadáns”. A este respecto, a popular pediulle ao PSOE “que deixe de utilizar as institucións como instrumento onde intenta arranxar as desavenencias internas”. Nós falamos de provincia e temos a responsabilidade de non traer ningún problema a esta administración”.

A este respecto, adianta que a súa acción estará centrada en demandar do goberno novos instrumentos que potencien os servizos sociais, o emprego e desenvolvemento do sectores produtivos, a xuventude e a infancia, a mellora das infraestruturas ou a posta en valor do potencial mediambiental, cultural e turístico do que dispón a provincia.

Deputados por Partidos Xudiciais
A presidenta provincial e deputada electa por Mondoñedo destacou a experiencia e a preparación dos elixidos, así como a xuventude doutros como pode ser o alcalde de Friol. Todos eles, dixo, “representamos ao Partido que gañou as eleccións nesta provincia e, por tanto, que máis alcaldes conseguiu e que máis concelleiros ten”. Os deputados elixidos por cada Partido Xudicial son os seguintes:

Partido Xudicial de Mondoñedo:

1.- Elena Candia López. 41 anos. Avogada e xestora administrativa. Alcaldesa de Mondoñedo dende 2015 e voceira deste grupo na Deputación dende 2012.

2.- Javier Castiñeira. 49 anos. Arquitecto técnico. Alcalde de Foz dende 2011 ata 2019. Estréase como deputado provincial.

3.- Jesús Novo. 60 anos. Empresario do sector da pesca. Alcalde de O Vicedo dende 2001. Esta sería a segunda lexislatura como deputado. A anterior foi durante o mandato de 2011-2015.

Partido Xudicial de Vilalba:

1.- Agustín Baamonde. 69 anos. Licenciado en Dereito. En 1990 foi elixido alcalde en substitución de José María García Leira. Presentouse ás eleccións municipais de 1991 encabezando a candidatura do PPdeG e foi elixido alcalde por maioría absoluta. Continuou como rexedor nas sucesivas eleccións, sempre con maioría absoluta, ata o 12 de maio de 2005 que deixou o cargo ao ser elixido deputado no Parlamento de Galicia. Foi deputado provincial (1991-2005). En novembro 2016 substituíu a Gerardo Criado Guizán na alcaldía de Vilalba.

Partido Xudicial de Lugo

1.- Óscar Poy. 45 anos. Traballador da industria alimentaria. Concelleiro do Concello de Lugo dende maio de 2019. Estréase como deputado provincial.

2.- José Antonio García. 48 anos. Licenciado en Dereito. Alcalde de Sarria dende 2011 ata 2015. Previamente, en 2009 foi deputado no Parlamento de Galicia ata 2011, ano no que acada a alcaldía con maioría absoluta.. Dende 2011 ata 2015 tamén foi vogal na executiva da FEGAMP. Esta sería a segunda lexislatura como deputado provincial.

3.- Jesús Núñez Díaz. 62 anos. Diplomado en Administración e Dirección de Empresas. Alcalde de As Nogais dende 2011 e deputado provincial dende 2017.

4.- Francisco Balado. 45 anos. Licenciado en Dereito. Alcalde de Castro de Rei dende 2011 e deputado provincial dende 2015.

5.- José Pardo Lombao. 64 anos. Gandeiro de profesión. Alcalde de Outeiro de Rei dende 1997 e deputado provincial dende 2015.

6.- José Ángel Santos. 38 anos. Técnico Capataz Agrícola e titular dunha explotación de leite. Alcalde de Friol dende 2007. Estréase como deputado provincial.

Partido Xudicial de Chantada

1.- Pablo Taboda. 47 anos. Funcionario. Alcalde de Palas de Rei dende 2015. Estréase como deputado provincial.

Pardido Xudicial de Monforte

1.- Lola Castro. 42 anos. Secretaria de dirección. Alcaldesa de Folgoso do Courel dende 2009.

Etiquetas