O Concello de Vilalba apoia a reivindicación do sector do transporte da térmica pontesa

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e os concelleiros Rodrigo Pavón, Antía Rama, Vanesa Siso e Modesto Renda, recibiron esta mañá aos camioneiros da térmica pontesa para trasladarlles o seu apoio ante a paralización da empresa froito da especulación que está a afectar ao prezo das emisións de CO2.

Os camioneiros, algúns deles de Vilalba, afirmaron “terse adaptado á normativa europea no que atinxe á redución das emisións”, mais agora están a sufrir as consecuencias da intervención dalgúns países no mercado europeo coa compra dos dereitos de emisión, o que provoca “que aumente considerablemente o seu coste”.

As últimas consecuencias destes movementos “recaen sobre os traballadores, que se atopan nunha situación moi delicada ante a que amosamos o noso total apoio”, subliñou Veleiro. Máis dunha vintena de camións atravesaron a Rúa da Pravia ante a atenta mirada da veciñanza, que non dubidou en sumarse aos aplausos e transmitir a posición de Vilalba ante esta problemática.

Etiquetas