O chairego Manuel Carreiras, premio Nacional de Investigación 2019

Manuel Carreiras Valiña nado en Castro de Ribeiras de Lea e que é director científico de Basque Center on Cognition, Brain and Language (BCBL), foi galardoado co Premio Nacional de Investigación 2019, o recoñecemento máis importante español no ámbito da investigación científica.

En concreto, ao investigador foille concedido o Premio Nacional Pascual Madoz de Dereito e Ciencias Económicas e Sociais. Ademais desta mención, que recoñece a labor investigadora realizada polo chairego no centro donostiarra ao longo da súa carreira, foi nomeado novo membro da Academia Europaea, organización científica que ten como obxectivo promover a aprendizaxe, a educación e a investigación.

É unha referencia internacional no campo do procesamiento da linguaxe, no ámbito da piscoloxía experimental. Destaca a súa capacidade para crear grupos de excelencia. O seu traballo posúe un interese e impacto social extraordinario, adicado a aumentar a igualdade de oportunidades en poboacións atípicas (persoas xordas, con dislexia, analfabetas ou neuro-típicas); así mesmo o seu traballo sobre bilingüismo e linguaxe de signos é excelente. Destaca tamén a súa capacidade de transferencia de coñecemento.

Dentro da súa traxectoria científica, Carreiras, destaca como profesor de investigación en Ikerbasque e investigador da UPV/EHU, tamén ten unha longa traxectoria no ámbito da investigación traballando en áreas como a neurobioloxía da linguaxe, a psicolingüística, a lectura, o bilingüismo ou a neurociencia cognitiva.

Ademais, obtivo prestixiosos premios, como o Premio Euskadi de Investigación 2015 ou unha beca ERC Advances, que é a máis prestixiosa e mellor dotada beca de investigación que outorga a Comisión Europea.

Etiquetas