Skip to main content
ActualidadeFriol TERRACHÁXA

José Ángel Santos: “Ano a ano aumenta o número de visitantes que nos veñen coñecer”

Por 14 Xullo, 2019Sin comentarios

Que supoñen as festas para Friol?
Todo evento que se celebre nun Concello aporta riqueza entre outras moitas cousas, e as festas patronais ademais de aportar eses ingresos extra nos diferentes establecementos dedicados á hostalaría tamén crean unha maior rendibilidade ós distintos negocios que temos no noso municipio debido a que toda festa xera que as nosas familias teñan un gasto extraordinario debido a que nestes días nos visitarán amigos e familiares e isto repercute nos negocios existentes. Ademais de todo o anteriormente mencionado, as festas patronais aportan tamén algo que para un Concello como o noso é moi importante, grazas aos carteis publicitarios colocados polos concellos limítrofes, que é que Friol faise máis coñecido por estas datas. Entón, tanto a veciños doutros municipios, recórdaselles que por estas datas deben achegarse a Friol e tamén a eses foráneos que están gozando das vacacións e se achegan a Friol para coñecer este municipio e en particular as súas festas. Todo isto sempre aporta un consumo, e por tanto un ingreso e rendibilidade.

Hai preocupación para incentivar estas celebracións?
Son xa unhas festas consolidadas e que ano tras ano van colleitando máis éxito, se cabe, porque son moi coñecidas na contorna e tamén fóra dela. Cada ano temos máis visitantes para gozar da programación que nos ofrecen, polo que a preocupación, dende o meu punto de vista, non existe. Dende o concello estamos moi agradecidos dos membros que compoñen cada ano esas comisións de festas que con gran esforzo e sacrificio persoal organizan sempre unha programación espectacular, para o divertimento dos veciños e veciñas de Friol e da xente que se queira achegar. Con estes grupos de mozos e mozas sabemos que as nosas festas terán o éxito garantido.

Como colabora o Concello?
Dende o Concello procuramos poñer a disposición dos membros da comisión de festas todo tipo de infraestrutura, ben sexa aportando medios materiais como tamén humanos. Colaboramos moi de cerca apoiando con persoal do Concello para a organización deses tres días de festas, aportando medios materiais, iluminación, seguridade, limpeza extra, etc… En canto a apoio económico, pois tamén intentamos poñer o noso gran de area, sempre humilde, pero non menos importante. Estas festas cada vez son máis importantes para Friol. Ano tras ano increméntase o número de visitantes que nos veñen a coñecer ou que repiten a experiencia vivida en anos anteriores, por tanto, a colaboración do Concello debe de ser sempre cercana e na medida do posible máxima.

Ven de gañar unhas eleccións cun cremento espectacular. Cal é o segredo?
Non hai ningún segredo, simplemente é recoñecer por parte da maioría dos veciños e veciñas ese traballo, empeño e esforzo por tratar de mellorar o día a día de todos eles e intentar impulsar o noso municipio, sobre todo en tres puntos fortes, como son o sector primario, o empresarial e o turístico. Na anterior lexislatura, dende o anterior equipo de Goberno, propuxémonos unhas metas a conseguir, e creo que as mesmas son unha realidade. Agora hai que seguir apuntalando os puntos importantes que o noso municipio ten a día de hoxe e esforzarse en continuar impulsando os nosos sectores e con elo o propio Concello.

Cales son os proxectos máis inmediatos?
O empeño e o traballo do equipo de Goberno de tratar de conseguir levar a cabo esa modernización tan necesaria no noso municipio. Dende o Concello, estamos tratando de mellorar todos os servizos e incluso aumentar os do casco urbano e tamén acondicionar as prazas e parques existentes, porque cremos que é algo fundamental que os nosos veciños poidan ter os mellores servizos, como tamén é importante que todos aqueles visitantes que veñen a Friol leven unha boa impresión, de alí que unha gran maioría desa xente que ven ó noso Concello pasar uns días de lecer, sempre repite. Tamén dende o equipo de Goberno estamos a facer un esforzo importante no acondicionamento e mellora dos servizos e accesos nas 32 parroquias que compoñen o noso municipio. Estamos a facer un gran gasto nesa mellora das pistas municipais, de camiños de carácter agrícola, na renovación de alumeados no rural, etc… porque creo que debemos manter e mellorar, dentro das nosas posibilidades, todo tipo de servizos relacionados co noso rural, dado que o sector primario é o principal e o máis importante que temos a día de hoxe en Friol, de ahí ese apoio que dende o Concello brindamos ós nosos gandeiros, tratando de mellorar a calidade de vida no rural e para que deste xeito teñan unha maior rendibilidade as nosas explotacións.
Temos en marcha un importante proxecto duns 300.000 euros destinados a rexenerar uns 31 km da rede viaria municipal, imos adxudicar nos vindeiros días un proxecto de renovación de luminarias públicas de varias parroquias e están en marcha os traballos de rehabilitación e adecuación do edificio onde se situará o novo PAI, como tamén en vindeiras datas daremos un importante empuxón para que sexa realidade o novo complexo fluvial.
Dende o Concello desenvolvemos unha guía turística e cultural, pero tamén gastronómica, na que presentamos a nosa cultura e lugares para visitar, como a Torre de San Paio de Narla, pero tamén onde poder durmir e comer, etc. Temos un fermoso paseo ó longo do río Narla onde poder camiñar ou comer baixo a sombra das árbores ou un gran complexo deportivo á beira do río. Temos recentes instalacións renovadas: pista de tenis, un campo de fútbol e dúas piscinas, unha para nenos e outra para adultos. No mes de agosto, dende o Concello, organizamos campamentos para nenos, que tamén se levarán a cabo preto do río. Outro dos obxectivos do equipo de Goberno é dar a coñecer o noso municipio e poñelo en valor para que sexa un reclamo turístico. Unha maneira de facelo é organizar eventos e actividades e creo que se está a notar ese esforzo porque cada vez visítannos máis persoas. Cada vez existe máis xente que no seu período vacacional elixe Friol como destino, e iso supón un movemento económico para os nosos establecementos e, en definitiva, para todo o pobo.

Que é o máis urxente?
Seguir mellorando a vida dos meus veciños e veciñas, achegando novos e mellores servizos públicos, novas bonificacións e mesmo subvencións ó noso sector primario, continuar potenciando o noso polígono, difundir e promocionar o noso patrimonio para atraer visitantes, atender da mellor maneira posible ós nosos maiores e ós nosos mozos mellorando os servizos sociais, apoiar o deporte e loitar contra o desemprego.