O Concello de Begonte inaugura a praza e o Concello cunha churrascada

O Concello de Begonte xa rematou as obras de melloras da praza Irmáns Souto Montenegro e do Concello, que pon fin ao proxecto de mellora de servizos e infraestruturas presentado polo seu alcalde, José Ulla, hai catro anos como programa electoral.

Como explica o mandatario, “a aposta do concello era cumprir o programa electoral, que hoxe é unha realidade polo que estamos moi satisfeitos”. O eixe principal deste proceso de cambio e renovación do Concello estivo baseado na mellora das infraestruturas e servizos públicos básicos.

A renovación e ampliación da praza de Begonte sumaronselle 800 metros cuadrados máis trala compra do terreo por parte do Concello a un particular. O proxecto contemplou tamén a humanización da mesma cun orzamento de case 430.000 euros, aportado ao cen por cento a través dunha achega da Xunta de Galicia.

Estas obras, contemplaron un cambio de estrutura e de pavimentación e ademais conta cun novo parque infantil, novo alumeado, novo mobiliario urbano e un novo reparto do espazo que formará parte dunha vila máis moderna, accesible e completa.

Xunto á praza e por proximidade tamén se destinou unha partida orzamentaria de medio millón de euros para a remodelación da casa consistorial co obxectivo principal de dotala de accesibilidade coa instalación dun ascensor.

Así, para estrear a praza e o Concello, o venres 19 de xullo ás 20.00 horas, terá lugar a inauguración oficial que comezará coa recepción de autoridades, seguida dunha churrascada popular para todos os veciños.

A xornada estará amenizada por Adrián Vigo e a súa Banda, Forget La France e La Misión.

Etiquetas