Os karts chegan a Vilalba para a concienciación vial dos máis pequenos

Lecer e conciencia sobre condución respectuosa nunha actividade dirixida a nenos e nenas. Este foi o proxecto que iniciou hoxe en Vilalba da man da Cruz Vermella da localidade e a Dirección Xeral de Tráfico, coa colaboración do Concello. A alcaldesa, Elba Veleiro, e a concelleira Antía Rama achegáronse esta mañá ao pavillón municipal para dar a benvida a esta nova actividade que se desenvolverá neste espazo ata o día 18 de xullo, de 10 a 13 horas, e que supón un paso adiante de cara á convivencia e respecto entre os máis cativos. 

O xefe provincial de tráfico, Ángel Álvarez, subliñou a importancia de que “a diversión vaia acompañada de reflexión sobre as normas que facilitan a convivencia” no que atinxe á condución, de xeito que “lembren nun futuro situacións que se poden dar nesta actividade, tales como ceder o paso, saltarse un semáforo, e que podan ser de utilidade para cando sexan condutores e condutoras de vehículos, así como para comprender mellor polo de agora o funcionamento da condución no mundo real”.

A iniciativa parte da Cruz Vermella de Vilalba, que contactou coa DGT buscando “actividades para o noso campamento e un lugar onde realizalas”, pedindo ao Concello o uso do pavillón municipal e “chegando a un acordo para que tamén o campamento que promove a entidade local acuda a este lugar, así como para outras nenas e nenos que desexen achegarse en función da demanda”.

Etiquetas