Adolescentes galegos e lusos viven o Camiño nunha escola intensiva de verán en Vilalba

Desde o pasado domingo 14 ata este domingo 21 en Vilalba estase a celebrar a primeira edición do CHÁ Summer School. A iniciativa forma parte do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia e conta co apoio do Concello de Vilalba e a colaboración de Ingapán, a Escola de Danza EdroDance e o Centro Cultural e Recreativo de Vilalba.

Este campamento teatral, que ten un forte carácter internacional, conseguiu reunir na capital da Terra Chá a directores de centros teatrais e de danza de diferentes países europeos: Massimo Malucelli, director do Centro de Preformazione Attoriale de Ferrara, Isabel Barros, directora do Balleteatro de Oporto, Joe Gallagher, da escola Replico de Glasgow, todos baixo a dirección da actriz e dramaturga galega Iria Azevedo.

O curso intensivo mestura nas súas aulas o inglés, o galego, o portugués, o español e o italiano, demostrando que o Camiño segue a ser un punto de encontro de culturas de toda Europa.

O principal obxectivo é que os participantes, adolescentes de entre 16 e 21 anos, coñezan o Camiño de Santiago desde a creación artística, a través da aprendizaxe das distintas disciplinas e ferramentas teatrais: corpo, voz, texto, movemento, acción, personaxe e espazo escénico.

Nesta primeira edición contan con alumnas de Galicia e Portugal, pero teñen xa pechado un acordo para a incorporación de alumnado de Italia e outros países europeos para a próxima edición, no verán do 2020.

As actividades formativas e lúdicas combínanse cun contacto constante cos peregrinos do Camiño Norte, xa que a través das súas historias persoais e vivencias no Camiño, as participantes crearán un espectáculo que se poderá ver de xeito gratuito o próximo sábado, 20 de xullo ás 20:30h no Auditorio Carmen Estévez.

Etiquetas