Sanidade pecha a piscina de Bonxe

Un ano máis persisten os problemas coa piscina que o Concello de Outeiro ten conveniada co Clube de Campo e Tiro de Bonxe e que tradicionalmente viñan usando as veciñas e veciños de Outeiro para pasar as tardes de verán.

Nesta ocasión, ao igual que acontecera en anos anteirores, Sanidade procedeu ao peche desta instalación debido ás graves deficiencias que presentaba. “O resultado é que as persoas de Outeiro teñen que ir ás piscinas dos concellos do carón ou pagar cantidades importantes polo uso das piscinas privadas”, indica o BNG.

O actuais xestores do clube propietario da piscina xa se veñen queixando da “tacañería” do concello no coidado desta piscina, xa que non fai os investimentos necesarios para o seu óptimo mantemento, producíndose logo os problemas que fan que esta estea pechada.

“Parece como se o alcalde de Outeiro pretendese afogar economicamente a este clube para facerse coas súas instalacións a prezo de saldo e as consecuencias acábanas pagando os nosos nenos e nenas, que pasan a metade do verán sen piscina”, manifestou o edil do BNG.

Segundo manifestan algúns dos enfadados usuarios o alcalde tamén pretende desviar clientela para a empresa privada que presta estes servizos en Outeiro, a cal acaba de inaugurar unha piscina climatizada das mesmas dimensións.

Outra cuestión sobre a que se chama a atención dende o BNG é o feito de que o concello de Outeiro leve investido en infraestruturas deportivas entre medio e un millón de euros nos últimos catro anos e con todo ese diñeiro non fora capaz de garantir unha piscina pública de uso municipal para as veciñas e veciños de Outeiro, tal e como teñen todos os concellos da zona.

“Esa é a política do alcalde: centos de miles de euros para algunha infraestrutura deportiva que usan catro persoas de Outeiro e logo non é capaz de garantir unha piscina que se enchería todos os días do verán se estivese aberta”, rematou Xosé Ferreiro.

Este peche prodúcese quince días despois da súa apertura para a tempada de verán.

Etiquetas