Skip to main content
ActualidadeBegonte

Inaugurada a nova praza de Begonte

Por 23 Xullo, 2019Sin comentarios

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e do alcalde de Begonte, José Ulla, participaron este venres na inauguración da remodelada praza Irmáns Souto Montenegro, que foi modernizada polo Concello cunha achega autonómica de 427.000 euros a través do Plan Hurbe.

Segundo lembraron, a Xunta promove e colabora neste tipo de actuacións co obxectivo de conservar e mellorar as infraestruturas urbanas municipais. Con estas obras, o centro da vila chairega estrea “un renovado e moderno corazón para o desfrute de toda a veciñanza”, dixo Balseiro, quen sinalou que “a praza que hoxe se inaugura é a de todos os veciños e veciñas, un lugar de encontro que agora é máis accesible e fermoso”.

Ademais deste espazo, tamén foron inauguradas as reformas efectuadas no propio consistorio. A Vicepresidencia da Xunta financiou con 50.000 euros a dotación de mobiliario e equipos informáticos para o edificio a través dun convenio de colaboración co Concello.

O proxecto de acondicionamento e humanización da praza incluíu a execución dun novo pavimento adaptado á contorna, a peonalización da rúa do Concello, a creación e axardinamento de zonas verdes, a reordenación das áreas de estacionamento e a instalación de novo mobiliario urbano e dunha fonte. Tamén se mellorou a rede de saneamento, electricidade e iluminación pública.

As obras serviron así mesmo para mellorar a accesibilidade mediante a instalación dunha rampla de acceso e para ampliar a praza, que acadou unha superficie de 2500 metros cadrados.

“Na Xunta somos conscientes de que Begonte está en continuo proceso de crecemento e demanda novos e mellores servizos e infraestruturas que dinamicen o día a día o pobo”, indicou o delegado, quen lembrou que estas melloras súmanse a outras efectuadas anteriormente co apoio a Administración galega, como a reforma do edificio da antiga cámara agraria, que contou cunha aportación de 70.000 euros a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terra Chá e foi executada por un obradoiro de emprego impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.