O PSOE de Cospeito afea ao alcalde por subirse o soldo ao máximo permitido

Os socialistas de Cospeito afearon as decisións do pleno de organizacións por delegar todas as competencias posibles na Xunta de Goberno Local e a subida dos salarios ao máximo permitido por lei.

Segundo explican os representantes do PSOE, aprobouse constituír a Xunta de Goberno Local formada polo alcalde e tres concelleiros do grupo Popular con sesións ordinarias o primeiro e o penúltimo xoves de cada mes ás 13:30 horas. “O noso grupo municipal abstívose na votación por considerar que é una mera cuestión de preferencias da Alcaldía e sen ter en conta que no noso Concelo non dispón de regulamento orgánico”, indicaron.

Aprobouse celebrar as sesións ordinarias do Pleno o último xoves de cada mes impar, a partir do mes de setembro do ano en curso, ás 17:00 horas. Igualmente, cos votos a favor do Partido Popular, aprobouse delegar na Xunta de Goberno Local todas as competencias e facultades que a lei permite. “O noso grupo municipal abstívose, considerando que por unha parte confire axilidade á tramitación de certas actuacións municipais e que por outra, constitúe un acaparamento de competencias na Xunta de Goberno Local”, indicaron.

En referencia á creación e composición das Comisións Informativas permanentes o PSOE votou en contra da proposta do actual alcalde, que anula a Comisión Informativa dos asuntos do Pleno. “Nosoutros consideramos que a devandita Comisión é un órgano indispensable para aclarar os asuntos con anterioridade ao Pleno. Por tanto, a proposta da Alcaldía non é máis que outra estratexia para poñer trabas á información que se nos achega sobre os asuntos do Pleno”. Ademais, no que atinxe á Comisión Informativa de Urbanismo, “queremos lembrar que foi completamente inoperante dado que se reuniu unha vez en toda a lexislatura”. Isto é así, debido a que o PXOM está paralizado, por tanto “esta comisión é unha auténtica falacia para aparentar que se traballa neste ámbito. Demostrado queda, dicindo que tras 28 anos gobernando o mesmo Alcalde, aínda non existe PXOM; con todo o que isto supón”, recalcan.

No quinto punto simplemente se designa aos representantes da corporación en órganos colexiados. “Aínda que o noso desexo sería que estivera alguén da oposición nos mesmos, sabemos que a xenerosidade non é o principal don do actual Goberno Local. Así pois, abstivémonos”, alegan.

Os socialistas afirmarn que con respecto á anterior lexislatura o actual alcalde subiu o soldo en 2.000 euros máis, cobrando así o tope máximo permitido por lei (42.000 euros anuais incluída a Seguridade Social). Tamén ascendeu en 6.000 euros máis o do concelleiro de Obras, Infraestruturas Xerais…, cobrando así 24.000 euros anuais incluídas as cotas da Seguridade Social. “Nosoutros apreciamos a labor dos concelleiros con dedicación parcial, así e todo, consideramos innecesario subir ao máximo permitido por lei o soldo das dedicacións, sabendo ademais que no noso Concello temos os impostos máis elevados da comarca e unha débeda pública de dous millóns de euros. A decisión do alcalde amosa pouca coherencia coa casuística municipal e unha vez máis pon diante os intereses persoais dos veciñais. Con esta exposición, o noso grupo municipal abstívose”, conclúen.

 

Etiquetas