Xesta Verde e Treixadura estarán na Festa da Torta de Millo este domingo

A festa da Torta de Millo de Guitiriz celebrarase o 28 de xullo no Campo da Feira. Nesta ocasión o pregoeiro será unha muller, a escritora Ánxela Gracián, que tamén será nomeada embaixadora da torta de millo.

Ao mediodía, concretamente a partir das 13.00 horas, chegará un dos momentos máis esperados, a degustación da torta de millo, que estará tamén á venda. A festa estará amenizada pola mañá co grupo Xesta Verde e o broche de ouro poñerano Treixadura pola noite, cuxo concerto, ás 21.30 horas, pechará a xornada.

A celebración iniciarase ás 11.00 horas coa mostra sobre a importancia do ferro no campo e media hora máis a tarde a apertura dunha exposición de coches antigos.

Ademais, entre as 12.00 e as 14.00 e entre as 16.30 horas e as 18.30 horas haberá obradoiros artensanais de cestería, tear e canteiría.

Completan a programación os tradicionais xogos populares, a cargo de Xotramu, que invitarán a todos os asistentes a participar na edición que se alongará ata as 19.30 horas.

Ao mediodía haberá xantar popular na carballeira a 15 euros o prato. Os tickets poden mercarse xa na oficina de turismo ou o mesmo día no stand do Concello.

Etiquetas