Skip to main content
Actualidade

Castro acolleu un ano máis a celebración do Criterium Aeronáutico

Por 29 Xullo, 2019Sin comentarios

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, participou este sábado na entrega dos trofeos aos gañadores da XXXVI Volta Aérea Galaico-Duriense que tivo lugar no marco do XIV Criterium Aeronáutico Galicia 2019 que se está a celebrar no Aeródromo de Rozas, en Castro de Rei. Fíxoo xunto ao Presidente do Real Aero Clube de Lugo, Luís Abelleira Mayor, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Alcalde de Castro de Rei, Francisco Javier Balado Teijeiro, entre outras autoridades.

Tomé Roca, felicitou aos galardoados e destacou que este evento aeronáutico e deportivo “contribúe a aumentar a relevancia da nosa provincia pois é o único destas características que se celebra en todo o Noroeste peninsular”. A cita consegue reunir a unhas 5.000 persoas, o que implica “unha repercusión turística e un impacto económico de primeira orde” para a provincia, asegurou.

A 36ª Volta Aérea Galaico-Duriense é unha proba puntuable para os deportistas aeronáuticos e contou con dúas etapas. O venres, os participantes partiron de Rozas rumbo sur e leste e o sábado dirixíronse cara ao norte e oeste, volvendo ao aeródromo lucense.

Esta semana, a provincia de Lugo converteuse na capital galega da aeronáutica coa celebración deste encontro aéreo, o único destas características que se celebra en todo o Noroeste peninsular. Este evento deportivo conta coa colaboración da Deputación, que achega 10.000 euros para a súa realización e atrae ao redor dunhas 5.000 persoas contribuíndo a dinamizar o turismo desta contorna.

Criterium Aeronáutico
O Criterium Aeronáutico inclúe gran variedade de actividades gratuítas para todos os públicos como exhibicións aéreas, saltos en paracaídas, bautismos de voo, voos acrobáticos e de ultralixeiros, apagalumes, exposicións de avións históricos… Tamén participan helicópteros dos Corpos e Forzas da Seguridade do Estado, drons ou simuladores. Este espectáculo áreo compleméntase coa exhibición da Patrulla Águila, un grupo de voo acrobático do exercito español, creado en 1985, que conta con máis de 25.000 horas de voo participando en todo tipo de eventos, exhibicións aéreas en todo o mundo, a celebración da festa nacional e diversos tipos de eventos deportivos.