O Concello de Vilalba toma medidas ante as edificacións en estado ruinoso

A acción do novo goberno vilalbés vén de sinalar a seguridade da veciñanza como prioridade ante o estado dalgúns dos edificios do casco urbano.

Nesta ocasión, tomaranse medidas ante o mal estado dunha edificación situada na Costa da Roxeira, pois presenta grave risco de desprendementos que poden ocasionar danos a persoas e vehículos.

En primeiro lugar, o executivo vilalbés procederá á sinalización do edificio en estado ruinoso, cortando a rúa da Roxeira para o tráfico rodado a partir do luns 5 de agosto, “de xeito provisional para garantir a seguridade, avisando con antelación e indicando o lugar afectado ao terse declarado este inmoble en estado de ruina”, subliña o concelleiro de Espazos Cidadáns, Rodrigo Pavón. Ademais, cambiarase o sentido da circulación na rúa Alférez Provisional, actuando esta vía como saída da praza Coronel Pena.

Neste senso, desde o goberno local afirman que “procederemos a acometer as actuacións necesarias para asegurar a edificación de non facelo os propietarios, repercutindo os gastos ocasionados aos mesmos”. Trátase dunha primeira acción de varias que están previstas levar a cabo sempre que supoñan un perigo para viandantes, afirmando que “se realizará un estudo pormenorizado da situación do tráfico e da mobilidade en xeral no casco urbano, cos informes preceptivos dos servizos técnicos”.

Etiquetas