O Concello das Pontes aproba un incremento de 3,3 millóns de euros no orzamento

O Concello das Pontes aprobou durante unha sesión plenaria extraordinaria urxente, un expediente de crédito extraordinario, por valor de 3.379.309, 96 euros, que permitirán aumentar o orzamento local para garantir a boa marcha do concello, cubrir gastos dos servizos públicos municipais e dinamizar diferentes sectores económicos da vila.

Así, o Concello destinará unha partida económica de 1,2 millóns de euros á compra da parcela C-1 no polígono de Penapurreira que permitirá ao executivo local contar con 34.000 metros cadrados de chan industrial, a prezo competitivo, para a instalación de novos proxectos empresariais e a creación dun viveiro de empresas.

Mediante este suplemento de crédito o Concello das Pontes tamén ten previsto levar a cabo diversas actividades de promoción e dinamización dos principais da economía local, tales como o comercio e a hostalaría e o sector primario, a través da celebración de feiras de produtos locais, mercados de oportunidades e concursos gastronómicos; actividades ás que o goberno local destinará 142.000 euros.

Por outra banda, 200.000 euros irán destinados a executar a compra do antigo Hospitalillo, situado, no poboado das Veigas, paso indispensable para poñer en marcha o proxecto de creación dun centro xeriátrico de titularidade municipal.

Modificación das normas subsidiarias COOPERATIVA CANAL IV
Durante o pleno, o Concello das Pontes tamén ratificou, a aprobación do anexo IX da aprobación inicial da modificación puntual das normas subsidiarias municipais no ámbito da Canle IV, tras a solicitude de ampliación de documentación solicitada por Augas de Galicia en materia de rede fluvial, zonas inundables e abastecemento.
Convenios COHEMPO E SEARA
O goberno local de As Pontes tamén aprobou hoxe, dos convenios e subvencións nominativas para as asociacións empresarias locais, por valor de 45.000 euros. Así, a Asociación de empresarios SEARA recibirá unha achega de 25.000 euros destinada a cubrir os gastos derivados das actividades de asesoramento e consolidación de emprendedores, para a redacción dun novo plan de promoción industrial de As Pontes, formación e o deseño e mantemento dun novo espazo web.

Pola súa banda, a Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios Ponteses (COHEMPO)  recibirá unha achega de 20.000euros coa que poderá financiar campañas publicitarias e de marketing dirixidas a fomentar a compra no pequeno comercio local, accións formativas así como outros gastos relacionados coa súa área de traballo.

Etiquetas