Skip to main content
ActualidadeVilalba

Veleiro quere solucionar este mes o problema do servizo de Madrugadores

Por 2 Agosto, 2019Sin comentarios

O novo Goberno de Vilalba está inmerso no proceso de solución para o servizo de madrugadores, que quedou pendente do anterior equipo de Goberno tras un tenso pleno celebrado no mes de xaneiro.

Ata o de agora o servizo de Madrugadores do Concello de Vilalba estaba xestionado de tal xeito que as ludotecas eran as encargadas de prestar atención aos pequenos de tres centros escolares antes da súa entrada oficial no horario lectivo. O Concello, pola súa banda, ocupábase do transporte dos pequenos aos distintos centros escolares con este servizo. Como a nova lei impide que o Concello se faga cargo desta xestión o anterior equipo de Goberno tiña a obriga de dar pasos nesta situación, algo que non se produciu, “polo que agora temos que atopar unha solución en menos de un mes xa que o curso comeza en setembro”, explica Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba.

A socialista asegura que se mantiveron reunións cos distintos colectivos afectados e que en próximas datas deberán dar un pasiño máis. As opcións que se lles presentan ao Concello con este servizo é ofrecer o propio servizo de Madrugadores en cada centro, que as anpas se ocupen da súa xestión ou que o concello implante un sistema de transporte público.

AXUDA NO FOGAR

Un dos problemas principais que tivo que afrontar o novo equipo de Goberno de Vilalba foi o conflicto das traballadoras coa empresa de Axuda no Fogar. Malia tratarse dun conflicto entre traballadoras e patronal, o Concello estivo volcado nas negociacións “como obxectivo de que o servizo se faga o mellor posible ao mesmo tempo que se respectan os dereitos dos trabalaldores”, explica Veleiro.

Os membros do equipo de Goberno continúan participando nunhas negociacións que non se poden dar aínda por finalizadas pero que aínda non afecta ao servizo de Axuda no Fogar.