Skip to main content
ActualidadeMeira

Meira, volverá ser un exemplo de cultura e tradición coa celebración da Festa da Malla

Por 16 Agosto, 2019Sin comentarios

Un ano máis, Meira, volverá ser un exemplo de cultura e tradición coa celebración da Festa da Malla, que chega á súa XXVIII edición.

Esta celebración terá lugar o domingo 18 de agosto con demostracións en vivo durante toda a mañá.

Dentro destas festas está previsto un Festival de Bandas de Músic coa actuación da Asociación Cultural 25 Xastres, Grupo folk Leirabuxo, Trío Muralla, Banda de Música de Meira, Banda de Gaitas da Escola de Música e Banda de Acordeóns, entre outros.

A xornada comezará de mañá cedo coa chegada do trigo á praza sobre un vello tractor. Posteriormente, os preto de 80 colaboradores realizarán a malla, tanto a man como a máquina, tal e como se facía dende as súas orixes. A importancia desta feira, que organiza a Asociación de Amigos da Malla, quedou patente desde os seus orixes, cando se convertiu nun referente en Galicia para outras similares.

O acto central será o xantar, no que se espera congregar a centos de persoas, tal e como se fixo en edicións pasadas. A organización servirá un menú de 12 euros que constará de empanada e cocido (lacón, morro, orella, chourizo, patacas, garbanzos e repolo), requeixo con mel, viño ou auga, pan e café.

Un ano máis, incluiranse no menú unha degustación de buñuelos e viño sobre as 12.00 horas.

A Deputada de Turismo, Pilar García Porto, xunto ao Concelleiro de Cultura de Meira, Agustín Méndez, e o Presidente da Asociación da Malla da localidade, Manuel Pardo, presentaron diante do Concello esta popular celebración.

García Porto animou a todos os veciños e veciñas a asistir a esta cita xa asentada no calendario cultural e turístico da provincia que “promove, recupera e revaloriza as tradicións locais como sinais de identidade e de atractivo. Ademais, a través desta feira, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, difundimos e promocionamos a nosa cultura”.

Inicios

A Feira da Malla de Meira naceu no ano 1992 co fin de manter viva esta tradición e que continúe enriquecendo ás novas xeracións. Dende entón e ata o día de hoxe, esta cita cultural e turística continúa a celebrarse reunindo a centos de visitantes ao longo de toda a xornada. A Asociación de Amigos da Malla de Meira organiza este evento co obxectivo de por en valor o oficio tradicional da malla.