O PP de Xermade acusa ao alcalde presionar aos veciños na cesión de terreos

O Grupo Municipal do PP de Xermade lamenta que “o Goberno do noso Concello pida aos titulares das leiras lindeiras coa estrada LU-P-2204 que comunica Momán e As Pontes a cesión gratuíta dos terreos e a sinatura do compromiso de que non reclamarán polos danos causados co obxectivo de acelerar o proceso das obras de mellora desta estrada de titularidade provincial”.

O voceiro dos populares, Antonio Riveira, condena “esta presión” aos veciños e veciñas “para que cedan terreos particulares para un ben público” que dende o Goberno local socialista xustifican dicindo que “é para beneficio dos veciños que usan esta vía. Con esta insólita e desterrada práctica que está a empregar o Goberno xermadés intentan, ademais, desculpar a demora na execución das obras”, critican dende o Partido Popular.

A lexislación impide a cesión de montes veciñais en man común
O tramo no que se pretenden executar obras na seguinte fase vese afectado pola lexislación de montes veciñais en man común que regula a cesión voluntaria e gratuíta do monte veciñal e que “impide a súa cesión en casos de beneficio non só da comunidade propietaria, senón para toda a comunidade de usuarios e usuarias”. Polo tanto, “a petición de cesión dos terreos choca coa lexislación vixente”.

Neste sentido, os populares critican que “a portavoz socialista da Deputación Provincial de Lugo pida que se obvie a legalidade e se ceda irregularmente por parte de todos os propietarios de leiras. Mesmo anima ao cura para incentivar mediante a fe a que se cometan irregularidades”, lamentan. E, igualmente, condenan que “o alcalde de Xermade apoie esta forma de traballar e mesmo convide a que se cedan eses terreos comunais en condicións fraudulentas”.

Melloras insuficientes e que “non se adaptan ás necesidades da actualidade”
Ante “o seu deplorable estado” en determinadas zonas, esta estrada foi incluída en varios proxectos en anos sucesivos que contribuíron á mellora de dous tramos de dous quilómetros. Con todo, lamentan dende o PP local que “o seu ancho non é suficiente e o radio das curvas tampouco se adapta ás necesidades da actualidade”.

Concretamente, sinalan os populares que “nas zonas melloradas os camións de tonelaxe teñen dificultades para pasar debido á súa estreiteza e ás curvas” e engaden que “se conservan nas hemerotecas moitas fotos de varias inauguracións desta vía, mentres que as zonas sen mellorar seguen esperando”. Incluso este domingo se celebrou unha misa oficiada polo cura de Momán para pedir o arranxo desta estrada, “un acto de denuncia por unha situación que están sufrindo os veciños e veciñas dos núcleos da zona”.

Etiquetas